Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pregunta parlamentaria do BNG

Aseguran que o alcalde de Vimianzo copiou pasaportes de emigrantes para 'xestionarlles' o voto

Carlos Aymerich e Pablo González Mariñas piden que a Xunta garanta o sufraxio libre e secreto. Alejandro Rodríguez nega todo.

Redacción - 11:31 11/04/2007
Alejandro Rodríguez Lema

Alejandro Rodríguez Lema

As últimas viaxes a Arxentina do alcalde de Vimianzo, o socialista Alejandro Rodríguez Lema, están tinguidas de sospeita. O fotocopiado de 400 pasaportes nunha cea en Bos Aires é un dos asuntos máis escuros sobre os que os deputados do BNG Carlos Aymerich e Pablo González Mariñas presentaron unha pregunta no Parlamento.

Os nacionalistas afirman que o 1 de abril, na súa segunda viaxe a Sudamérica en menos de tres meses, o rexedor vimiancés convidou a xantar máis de 700 persoas na sociedade ABC de Corcubión da capital arxentina. Aquel día, tirouse copia de máis de 400 pasaportes “coa intención, ao parecer, de xestionar o voto dos seus titulares”.

Os deputados sospeitan que o custo da viaxe e da comida puido correr a conta das arcas municipais. Ademais, achegan o dato de que o Concello ingresou nos últimos cinco anos máis de 14.000 euros na conta do axente electoral Evaristo Oroña como gastos de difusión da imaxe municipal, sen que conste a xustificación do emprego dos fondos.

O alcalde négao
Alejandro Rodríguez asegura que as afirmacións do BNG son falsas e que nunca copiou pasaportes nin transferiu cartos ao axente electoral. Segundo o alcalde de Vimianzo, as únicas axudas que mandou a Arxentina foron hai tempo para axudar os afectados polo corralito.

Os parlamentarios do BNG din que, xa na súa primeira viaxe, Rodríguez Lema “manobrou para incrementar o CERA vimiancés, que xa representa case a terceira parte do corpo electoral do municipio”. Por todas estas razóns, queren saber que medidas vai adoptar o Goberno para garantir o voto libre e secreto dos emigrantes ese se van fiscalizar as transferencias do Concello de Vimianzo á conta de Evaristo Oroña.


3,75/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: