Tras o peche anunciado a semana pasada pola Conferencia Episcopal española, fregueses e veciños do barrio de Vallecas (Madrid) deciden en asemblea loitaren por que esta siga a funcionar.
O arcebispo de Madrid e ex-presidente da Conferencia Episcopal española, Antonio María Rouco Varela, decretou a pasada semana o peche da parroquia de San Carlos Borromeo, no barrio de Vallecas, e a súa transferencia á organización relixiosa Cáritas. Segundo argüíu, "nin a súa liturxia nin a súa catequese son eclesiasticamente homologábeis".
Os sacerdotes desta humilde parroquia, Javier Baeza, Pepe Díaz e Enrique de Castro, situados na órbita da Teoloxía da Liberación, asisten dende hai 27 anos aos marxinados da zona, incluso acolléndoos nos seus propios domicilios. Co apoio dos fregueses e veciños do barrio -que o pasado domingo constituíronse en asemblea- estanlle a plantar cara á xerarquía eclesiástica.
Rosquillas por hostias
O motivo do peche é a forma na que se ofician as cerimonias. Os cregos, segundo eles mesmos recoñecen, ofician misa sen sotana, admiten ateos e musulmáns e na eucaristía reparten rosquillas en troques de hostias. "Os pobres teñen dereito a que se celebre a misa como está estabelecido e eses sacerdotes no desenvolvían a función catequética e litúrxica segundo o Maxisterio da Igrexa", sinalan dende o arcebispado.
A parroquia anunciou esta terza feira que haberá misa o Domingo de Resurrección. Mentres, Rouco Varela, durante a súa homilía na catedral da Almudena, comentaba: "Os ministros da Igrexa non deben ser protagonistas, senón servidores e o sacerdocio debese exercer con humildade", en clara alusión aos cregos rebeldes.
Apoios públicos e privados
Os sacerdotes están a recibir numerosas mostras de apoio -entre outras a do Partido Comunista de España (PCE)-, e xa contan cunha web de seu onde canalizalas. Até a parroquia, segundo informan diversos xornais madrileños, tamén se achegou o coñecido actor español Guillermo Toledo. "Para a xente que hai anos nos desvinculamos da Igrexa, cando vemos o labor desta parroquia volvémonos a sentir identificados coa palabra de Xesús", manifestou.