Estarán complementadas nun mesmo edificio residencias xuvenís con estudos de gravación, salas de ensaio, de novas tecnoloxías e de información á mocidade.
A Dirección Xeral de Xuventude inaugura esta semana en Lugo un centro multidisciplinar pioneiro en Galiza, que reúne estudos de gravación, salas de ensaio, de novas tecnoloxías, e de creación artística, entre outros servizos.
O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e a delegada provincial da Vicepresidencia, Branca Rodríguez Pazos presentaron este xoves o proxecto para o Complexo Residencial Xuvenil Lug, que contará con dúas sés, as antigas residencias de estudantes Irmáns Pedrosa e Eijo Garay.
Investimento de dous millóns de euros
O novo centro, que conta cun orzamento de preto de dous millóns de euros, dispón de numerosos servizos, orientados principalmente á xente nova. Malia que algúns xa funcionarán a partir desta semana, outros non estarán dispoñíbeis até que se finalicen por completo as obras de acondicionamento dos dous edificios.
No Eijo Garay (Lug 2), investiranse 1,2 millóns de euros; aquí están localizados a escola de música e o estudo de gravación, así como tamén varios locais de ensaio, salas de estudo, de creación artística e un salón de actos. Ademais, contará cunha planta dedicada por completo ás novas tecnoloxías e unha sala de videoconferencias.
No edificio tamén haberá un albergue internacional con medio cento de prazas. Na planta baixa estará instalado un punto de información xuvenil, onde tamén funcionará a unidade afectivo sexual Quérote, atendida por persoal sanitario e de apoio, que ademais subministrará a píldora postcoital. No Irmáns Pedrosa (Lug 1), manterase unha residencia xuvenil con 75 prazas, e investiranse 621.397 euros na reforma dos dormitorios, da cociña e do ascensor.
Funcionamento en rede
"O Complexo Residencial Xuvenil Lug permitirá ter unha boa residencia, complementada cun centro xuvenil que non ten precedentes en Galiza", sinalou Rubén Cela. Este afirmou que as instalacións para ensaios de grupos funcionarán en rede e constituirán unha infraestrutura, que permitirá crear una importante base de datos sobre todo tipo de agrupacións, así como información constante sobre axudas e convocatorias.
Pola súa banda, Branca Rodríguez Pazos matizou que o cambio non afectará ao actual cadro de persoal, senón que incluso se contratarán máis persoas para os novos servizos.