O Parlamento botou a andar este martes a primeira lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, co obxectivo de que sexa un chanzo fundamental para a "reorientación" da política forestal.
Alén da urxencia dun texto que tivese a meta de contribuír a frear a vaga de lumes que sofre Galiza cada verán, desde o executivo destacan o valor da nova lei como instrumento para "planificar o territorio e ordenar o monte con criterios preventivos e de rendabilidade sustentábel".
Desde a Consellaría do Medio Rural refírense a medidas concretas que poñerán a base do cambio radical en poucos anos dos montes galegos: diversificación de especies de xeito que se favorezan as autóctonas; redución das grandes masas de monocultivos; converter a silvicultura nunha práctica normalizada para axudar á produción de madeira de calidade; promover a agrupación de propietarios forestais para xuntar esforzos...
A lei regulamenta polo miúdo a ordenación dos montes e do seu aproveitamento e introduce esixencias básicas para a prevención e defensa contra o lume, como é a obrigatoriedade da limpeza de faixas de protección á beira de todos os núcleos de protección. Por exemplo, nos núcleors a menos de 400 metros do monte, nun contorno de 50 metros desde a estrema da propuedade non poderá haber árbores nin especies de alta combustibilidade. Por outro lado, á beira de autoestradas, autovías e vías rápidas e estradas, haberá que reducir a biomasa vexetal na zona de dominio público.
O PPdeG di que a botará abaixo se recupera o poder
Derrogar a lei de prevención contra o lume será unha das prioridades do PPdeG se recupera o poder. Explicouno este martes no Parlamento o deputado ourensán Roberto Castro. Na súa opinión, o documento elaborado pola Xunta "desmantela" o anterior dispositivo de extinción e "tira pola borda a experiencia de 16 anos na prevención e loita contra o lume".
Por outro lado, os populares cualifican de "chiringuito perfecto" a empresa de servizos agrarios que está constituíndo o goberno. Segundo Castro, está creada para "manobrar ao seu antollo, sen seguridade xurídica algunha".