O Consello de Seguridade da ONU anunciará este sábado, e sen a presencia de Ahmadineyad, novas sancións para a república islámica por non deter o seu programa nuclear.
Na xuntanza do Consello someterase a votación unha resolución para impoñer unha serie de sancións a Iran pola súa negativa a suspender o seu programa de enriquecemento de uranio. Segundo anunciaron varios embaixadores e mesmo o presidente de quenda do Consello, o sudafricano Dumisani Kumalo, a resolución adoptarase por unanimidade xa que se procura ofrecer “unha mensaxe unificada” neste sentido.
As sancións recollen o bloqueo de activos financeiros a diversas entidades e individuos relacionados co programa nuclear iraniano. Tamén está previsto un embargo das exportacións de armas de calquera tipo así como a retirada de asistencia económica e de créditos para o goberno de Teherán.
Ahmadineyad non asistirá á xuntanza
O presidente iraniano, Mahmud Ahmadineyad anunciou este venres que non viaxará até Nova York para asistir á xuntanza do Consello de Seguridade porque, segundo informou o embaixador de Irán ante Nacións Unidas, “Estados Unidos entregou demasiado tarde os visados para el e a súa delegación”.