Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
No ano da memoria histórica

A experiencia dos presos políticos da illa de San Simón lembrada na Universidade de Barcelona

"Aquilo era terrorífico, continuamente sacaban xente de alí para a mataren... Moitos dos que fusilaron non fixeran nada, fusiláronos sen motivo ningún...", foron algunhas das emotivas declaracións dos homes que estiveron presos na illa de San Simón por causa da Guerra Civil e que puidemos escoitar no documental "Aillados" o pasado venres 16 de marzo. Por Silverio Cerradelo.

Silverio Cerradelo - 10:00 22/03/2007

No coloquio posterior participaron Luís Bará, director de Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Antón Caeiro, director do documental, e Ernesto Carratalá, profesor de Filoloxía Hispánica na Universidade de Barcelona que estivo preso en San Simón.

O acto, organizado polas áreas de Filoloxías Galega e Portuguesa e enmarcado dentro das actividades do ano da memoria histórica, foi introducido polo profesor Basilio Losada, que lembrou a outra face de San Simón: a lírica, xa que na Idade Media a illa fora o lugar de inspiración para a escrita do fermoso poema de amor de Meendiño.

A proxección do documental Aillados, de Buxo Producións, achegou o testemuño oral dos presos políticos da illa de San Simón, alén de fotografías, poesías ou cartas escritas por eles. A maior parte estaban alí como presos preventivos e logo dun tempo eran xulgados. Nos xuízos, que podían durar quince minutos, eran condenados a morte ou a trinta anos de prisión... e houbo tamén quen, após unha revisión das causas, conseguiu saír de San Simón. Desde o ano 1936 até 1943 houbo acotío máis de 600 homes presos na illa, aínda que a constante chegada de novos presos podía acrecentar bastante este número. Estaban descalzos, durmían apertados no chan dunhas naves, convivían cos ratos e as pulgas que alí había a montóns. Podían recibir a visita de amigos e familiares e falar a través dunha reixa. "Algunha muller berraba, algunha choraba", recordaban os presos. Algún deles tentou escapar, pero morreu afogado ou despois foi entregado e fusilado.

No coloquio, Luís Bará, subliñou que o compromiso coa recuperación da memoria histórica era un compromiso ético que non estaba guiado por un desexo de vinganza, senón por unha ansia de dignidade colectiva. Antón Caeiro, director do documental, comentou que o seu traballo quería testemuñar que a Galiza non foi ningún paraíso na Guerra, malia pertencer desde o comezo ao bando nacional. O profesor Ernesto Carratalá que, após a morte de seu pai, fora loitar á fronte pola causa republicana e aos dezasete anos foi condenado a morte. A pesar de que lle conmutaron a pena, Carratalá estivo en cinco cárceres diferentes, entre eles o de San Simón. "Comparada con outras prisións, a illa era un lugar de réxime suave", lembrou o vital profesor de oitenta e oito anos na súa exposición, que fixo sen rancor ningún.


4/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: