Quintana sinala que a Xunta ten que ter iniciativa política e non limitarse a subvencionar aos colectivos.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, presentaron este luns en Santiago o II Plan Galego de Inclusión Social 2007-2013, para o que se destinan 181 millóns de euros. No decurso do acto, o departamento da Xunta sinalou que 130.000 fogares do país sofren o risco da pobreza mentres que outros 34.000 xa a padecen plenamente.
Vicepresidencia defende que o plan que se vén de presentar vai “mellorar a cobertura territorial, as dotacións materiais, a coordinación e as posibilidades para o deseño de programas personalizados de inserción sociolaboral”. O departamento sinala que o instrumento principal para loitar contra estas desigualdades é o Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar.
O plan establece como principais liñas a creación dunha Rede de Equipos de Inclusión; programas integrais de inclusión e autonomía persoal; o Plan Galego de Convivencia Intercultural e Desenvolvemento da Comunidade Xitana; o programa de atención a persoas “sen teito”; a prevención da exclusión en áreas urbanas de risco social mediante plans comunitarios; a posta en marcha de accións formativas para persoas con discapacidade; a creación dun Módulo Xove en centros penitenciarios; e a revisión e mellora do sistema de rendas mínimas para a inclusión social
Quintana calificou o plan de “aposta decidida” para combater a situación actual. O vicepresidente considera que a iniciativa política significa poñer á Administración a primeira liña de batalla xa que “non pode ser que se limite a subvencionar a aqueles que abnegadamente traballan día a dia a pé de obra no traballo de inclusión”