A Casa Branca tentará contrarrestar a influencia de Hugo Chávez en Latinoamérica cunha serie de investimentos.
O presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, chegou a Brasil na noitiña da quinta-feira, en medio dunha serie de protestas que xuntaron a preto de dez mil persoas nas rúas de São Paulo. Polo menos houbo 17 feridos, entre manifestantes e policías.
Acompañado pola primeira dama, Laura Bush e por altos funcionarios do goberno americano -incluída a secretaria de Estado, Condoleezza Rice-, o presidente dos EUA desembarcou nunha área illada do Aeroporto Internacional de Cumbica.
Amplo despregue
Protexido por un amplo despregue de seguridade -que conta cun exército de 4 mil homes, entre policías, francotiradores de elite, axentes do FBI e soldados brasileiros-, Bush dirixiuse cara o Hotel Hilton, onde se hospedou.
Na visita de 24 horas, Bush tratará co presidente Luiz Inácio Lula da Silva unha serie de acordos relacionados co uso de combustíbeis renovábeis.
Ademais, vai visitar a oenegué Meninos do Morumbi, na favela de Paraisópolis. Despois, retomará as conversas sobre bioetanol nun xantar co presidente brasileiro.
Influencia de Chávez
Pola súa banda, Condoleeza Rice manterá unha xuntanza co ministro de Relações Exteriores, Celso Amorim, e Susan Schwab, responsábel do Departamento de Comercio da Casa Branca, con empresarios brasileiros.
Malia que a Casa Branca negouno en reiteradas ocasións, os analistas políticos afirman que a viaxe de Bush a América Latina ten o obxectivo específico de contrarrestar a influencia do líder venezolano Hugo Chávez na rexión, e no Brasil, especialmente.
O presidente estadounidense trae para esta fin un paquete de investimentos para os gobernos conservadores e da ala mais moderada da esquerda de América Latina. A súa seguinte escala será Uruguay, dende onde continuará cara Colombia, Guatemala e México.
Foto de André Mantelli