A exposición Maquila Boutique e unha mesa redonda integran as actividades coas que Implicadas no Desenvolvemento celebra o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, e lembra o 8, Día da Muller Traballadora. Hai anos, centos de mulleres morrían nunha fábrica de roupa estadounidense por reclamaren os seus dereitos. Tempo despois, o téxtil segue a ser un sector feminizado no que a explotación é a tónica.
As obreiras que cosían na tea violeta que despois daría cor ao feminismo, na Triangle Shirt Waist Company de Nova York, reivindicaban salarios dignos, condicións de traballo axeitadas e seguridade. O dono da fábrica incendiouna con elas dentro.
A día de hoxe, as reivindicacións son as mesmas: o documental China Blue percorre Galiza, da man de Amarante, amosando a explotación das traballadoras e traballadores na China, un país que se ten convertido na maior reserva de man de obra barata do mundo. Sen nos mover de Galiza, o sector téxtil é dos máis importantes da nosa industria, e tamén traballan nel milleiros de mulleres en situacións de precariedade.
Para denunciar esta situación, Implicad@s no Desenvolvemento organiza unha serie de actividades que terán lugar na Mariña: este sábado 10 ás 18.00, o Museo Histórico de Sargadelos acolle a inauguración da exposición Maquila Boutique, que xa puidemos ver en varias cidades galegas, coa presenza da directora xeral do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza Santiago, e a coordinadora de IND na Mariña, Olga Castro Vázquez. A seguir haberá unha mesa redonda na que participarán Nanda Couñago, de Amarante, coordinadora da Campaña Roupa Limpa en Galiza, María Castro Serantes, socióloga e coautora, con Obdulia Taboadela e María Martínez, do artigo "Del escaparate a la trastienda: mujeres y trabajo invisible e la confección gallega", no libro El trabajo recobrado, traballadoras do sector téxtil na Mariña, e Ana Luísa Bouza Santiago, directora xeral do Servizo Galego de Igualdade.