A República de Estonia celebra este domingo eleccións xerais baixo a atenta mirada da comunidade internacional, non polo que se decide nos comicios, senón polo xeito de realizalos. A ex república soviética é o primeiro país do mundo que utiliza a votación por internet ao incluír esta modalidade no sistema de votación anticipada.
O actual primeiro ministro de Estonia, Andrus Ansip, foi un dos que elixiron esta opción para facer efectivo o seu dereito ao voto. Segundo datos da Comisión Electoral Central de Estonia, o 3% do censo electoral elixiu os seus candidatos a través dun portal en internet habilitado especialmente para a ocasión.
Para utilizar o sistema, os cidadáns necesitan un ordenador dotado dun lector electrónico de datos que poida ler o documento de identidade, unha contrasinal e unha sinatura electrónica.
Aínda así, a última opción está sempre nos colexios electorais tradicionais xa que os que elixiron a opción de internet poden "recapacitar" e utilizar as papeletas tradicionais. Nese caso, o voto electrónico queda anulado.
Nestes innovadores comicios o Partido de Centro podería facerse co poder e nomear o seu líder, Edgar Savissar, primeiro ministro. Porén, as últimas enquisas sinalan que a coalición encabezada polo Partido das Reformas lograría outra vez reeditar o seu triunfo de hai catro anos.
Estas son as primeiras eleccións parlamentarias que se realizan na república desde a súa entrada na Unión Europea e na OTAN no 2004. Un dos seus obxectivos e entrar na zona euro, aínda que por mor da inflación non o conseguirán como mínimo até 2010.