O preso de ETA Iñaki de Juana Chaos abandonou na mañá do xoves o hospital Doce de Outubro de Madrid con dirección a un hospital de Euskadi. O traslado produciuse pouco despois de que Institucións Penitenciarias decidise aplicarlle a prisión atenuada, tras 115 días en folga de fame.
Iñaki de Juana Chaos abandonou este xoves, ao redor das 10.00 horas, o hospital madrileño Doce de Outubro, logo de 115 días en folga de fame. Institucións Penitenciarias, organismo dependente do Ministerio do Interior, adoptou a decisión en base o grave estado de saúde do preso da ETA.
A medida decretada pola Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias implica que o preso poida cumprir o resto da condena -un ano, aproximadamente- no seu domicilio baixo vixilancia policial, segundo publica o diario madrileño El Pais.
Reacción de De Juana
O ministro do Interior español, Alfredo Pérez Rubalcaba, vai comparecer ás 12.30 horas ante os medios para informar sobre a decisión do goberno con respecto á situación penitenciaria de De Juana. Polo momento, non se sabe da resposta que poida ter o propio afectado, quen en varias ocasións reiterou a súa decisión de non abandonar a folga de fame até que lle concedan a liberdade.
Nova proposta abertzale
Por outra banda, o diario vasco Gara anunciou a intención da esquerda abertzale de presentar o vindeiro sábado en Iruña a súa proposta de "novo marco político", coa que pretende pechar un tempo pasado, "para abrir outro que se encamiñe cara ás solucións".
Poden ampliar as informacións en EiTB