Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PLAN PRETENDE CONVERTER OS RESIDUOS VEXETAIS NUNHA FONTE DE ENERXÍA

Medio Rural e Industria investirán 171 millóns para aproveitar a biomasa forestal

As consellarías de Medio Rural e Innovación e Industria van poñer en marcha un plan de aproveitamento enerxético da biomasa forestal no que se van investir 171 millóns de euros. O documento técnico presentado este luns supón que os residuos do monte se convertan nun recurso para xerar enerxía. Preténdese que o plan dea emprego e axude a fixar a poboación no rural. Así mesmo, a produción eléctrica farase de xeito sustentábel, reducindo a emisión de CO2 e contribuíndo a reducir o risco de incendios forestais.

- 17:46 26/02/2007
Tags:

A iniciativa pretende aproveitar a potencialidade enerxética do monte galego para a produción de biomasa forestal, polo que aposta por estabelecer un modelo propio que resulte viábel e compatíbel coas actividades tradicionais da industria da madeira. Para iso, prevé poñer en marcha campañas de sensibilización social. Medio Rural ten datos que aseguran que o 48% de Galiza é superficie forestal arborada, o que garante unha produción de 995.000 toneladas de biomasa residual ao ano, das que 141.946 poden proceder de tratamentos silvícolas e cortas finais.

O plan coordinado entre Medio Rural e Innovación terá varias fases de aplicación: nun primeiro momento avaliarase o potencial dos recursos do país para determinar as zonas de maior produción de biomasa. Logo potenciarase a mecanización nas explotacións forestais e poñerase en marcha un plan de recollida da biomasa para fins enerxéticos que respecte os seus usos tradicionais.

Uso na calefacción
Asemade, deseñarase un programa de aproveitamento enerxético da biomasa para a xeración de enerxía térmica e potenciarase a instalación de caldeiras para a calefacción que empreguen esta materia prima. As dúas consellarías desenvolverán liñas de I+D+i para mellorar a eficiencia da produción do recurso e da transformación enerxética.

Segundo os datos do estudo, Galiza precisa de recursos enerxéticos propios para rematar coa dependencia do exterior e dar resposta ao crecemento da demanda. Prevese que no ano 2012 a biomasa xere anualmente 300 xigavatios-hora de enerxía eléctrica sobre unha potencia de 79 megavatios, e 68,8 Ktep (quilotoneladas equivalentes de petróleo) de enerxía térmica en base a unha potencia instalada de 650 megavatios.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: