Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O GOBERNO DE MATAS APROBOU UNHA NORMA SEMELLANTE EN 1997

O precedente balear axudou a desbloquear o decreto do galego

As negociacións para lograr un novo decreto de galeguización do ensino non universitario non foron nada fáciles. Aínda que os partidos negaron publicamente que a cuestión tivese tanta importancia, a porcentaxe de materias en galego provocou importantes liortas. Pola súa parte, Educación tivo que retirar unha proposta inicial máis ambiciosa para lograr que o PPdeG apoiase o proxecto final. O decreto resultante ten moita semellanza co que os propios populares aprobaron en 1997 en Baleares. Poden consultar o texto íntegro na web da Mesa.

- 12:12 23/02/2007
Tags:

A conselleira Laura Sánchez Piñón tomou en serio o cambio do decreto. Aínda así, comprobou que consensuar unha normativa non é tarefa nin moito menos doada. O primeiro borrador que puxo a conselleira enriba da mesa, e que Vieiros difundiu a mediados de decembro, contemplaba porcentaxes para a lingua do país que oscilaban entre o 56 e o 68% nos estudos primarios e secundarios. Para a educación infantil garantíase un mínimo dun 50% e falábase da aprendizaxe da lectoescrita na nosa lingua.

A primeira proposta da conselleira foi rexeitada de cheo polos populares, que consideraban que o castelán quedaba marxinado. Mais os problemas para Sánchez Piñón non viñan só dende as filas conservadoras, dentro do seu propio partido había dirixentes que pensaban que as porcentaxes eran "excesivas". Pola súa parte, dende o BNG mantíñase na mesa de negociación que era necesario ir un chisco máis aló. Aínda así, a organización consideraba que a primeira proposta era un paso máis que notábel de cara a normalización no ensino.

Os mínimos do Plan de Normalización
O día 12 deste mes, Vieiros daba a coñecer a existencia dun segundo borrador. No mesmo rebaixábase a porcentaxe de materias obrigatorias en galego ao 50% e "esquecíase" a posibilidade dunha aprendizaxe da lectoescrita integramente na lingua vernácula. A propia conselleira negou a existencia deste borrador. Porén, esta proposta, que non era outra que os mínimos do Plan de Normalización de 2004, existía e, finalmente, foi a que saíu adiante.

Os populares si estaban dispostos a discutir o segundo borrador. De feito, a proposta era moi semellante á que aprobou o propio PP nas Illas Baleares en 1997. O goberno de Jaume Matas deulle forma a un decreto que buscaba promover o catalán como "lingua vehicular do ensino non universitario". Para iso, establecíase que durante o ensino obrigatorio a metade das materias debían impartirse en catalán. Ademais, os centros encárganse de planificar a implantación progresiva do ensino na lingua propia.

Bos resultados

Nove anos despois da súa entrada en vigor, os datos do goberno balear sinalan que case o 45% dos centros de infantil xa empregan o catalán como lingua vehicular (só se imparte en castelán a lingua e literatura castelá). Preto dun 68% dos centros de primaria teñen tamén o idioma propio como vehicular. Na secundaria, os colexios que teñen o catalán como idioma preferente achéganse ao 49%. No resto dos centros, garántese que, como mínimo, a metade das materias se impartan na lingua autóctona.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: