O editor Óscar Losada estivo coa voz de Berrogüetto, Guadi Galego, e co seu guitarrista, Guillermo Fernández (ambos os dous forman tamén o dúo Espido) para presentaren o número 5 da revista Cartafolk, dedicada ao grupo galego no seu décimo aniversario. Deron conta da publicación no Club Internacional de Prensa en Compostela, o xoves 22 ás 11.00.
Comezou con Capercaillie, seguiu co portugués Fausto e La Bottine Souriante. Despois de dedicarse aos finlandeses Värttinä, a revista que dirixe o xornalista Óscar Losada centra o seu quinto número no grupo Berrogüetto, no que parece o mellor momento do grupo galego: fan dez anos, celébrano co disco 10.0, que presentaron o ano pasado por todo o alto no Auditorio de Galicia, gañan por segunda vez o Premio da Crítica Alemá e o segundo Premio La Opinión de Folc. E aínda participan noutros proxectos: Espido, coa vocalista Guadi Galego e o guitarrista Guillermo González, Nordestin@s, onde a voz de Guadi se une á de Ugia Pedreira e ao piano de Abe Rábade, e Xabier Díaz, quen toca xunto con Guillermo nun dúo co seu nome.
Outros proxectos para a revista son, no futuro inmediato, dedicar un número aos Cempés, que están a separarse, e botar unha ollada sobre a lusofonía. Óscar Losada afirma que xa tiña gana de falar sobre un grupo galego: o primeiro que fora considerado cando naceu Cartafolk foi Milladoiro, "pero daquela acababan de sacar un libro biográfico e non tiña moito sentido". Este grupo, considerado o alicerce do folc galego actual, presenta este sábado no Auditorio o seu último disco, Unha estrela por guía, inaugurando o ciclo Sons da Diversidade.
A estrutura da revista íspese da capa de crítica musical, e contén un formato máis fresco conformado por entrevistas e opinións. Para Guillermo Fernández, é unha satisfacción contar con este medio de difusión, no que se fai un percorrido polos dez anos de existencia de Berrogüetto, polos momentos máis importantes, e mesmo un retrato, a través dunha pequena entrevista, de cada membro do grupo. Para Guadi Galego, o carácter de banda que ten Berrogüetto, a súa estrutura coral, é a clave do seu éxito. "Nós investigamos ao longo destes anos tanto nas nosas raíces como na contemporaneidade". A que é unha das cantantes máis prolíficas do panorama musical galego afirmou non ser nada mitómana: "penso que os nosos artistas son valorados pola súa carreira".