Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cartafol

Xestionado por Héitor Mera
RSS de Cartafol
Carlos Quiroga: Inxalá

A necesidade da estranxeiría

Inxalá
Carlos Quiroga
Laiovento, A Coruña, 2006. 111 páxs., 10 €

Inxalá recibiu en 2004 o premio á mellor narración curta do certame Carvalho Calero, convocado anualmente polo Concello de Ferrol e un dos poucos que admite a concorrencia de textos en calquera das normativas do galego. Carlos Quiroga incide nesta obra en varios motivos que veñen sendo habituais no conxunto da súa traxectoria. A viaxe, a evocación proxectiva da estranxeiría, a cidade de Lisboa como lugar de referencia ou o eco de fondo da sociedade galega crúzanse neste relato que apontoa a proposta de vangarda do autor.

- 16:32 12/02/2007
Tags:

Non se pode facer referencia á traxectoria literaria e persoal de Carlos Quiroga sen mencionar o seu compromiso co reintegracionismo lingüístico. O desenvolvemento da súa escrita na normativa que defende a AGAL, cun papel case fundacional á par doutros escritores coma Raquel Miragaia ou João Guisan Seixas, ten provocado que o seu insólito proxecto creativo estea a ficar na marxe, a ausencia de reseñas dos seus libros e a case inexistencia de material crítico sobre a súa obra... A maior parte da crítica mirando para o outro lado. E viceversa, claro. (Por unha banda, a pretensión de dar por clausurado un debate que excede o ortográfico. Pola outra, a asunción da posición da vítima. E nesas seguimos).
Unha das marcas literarias de Quiroga é a aposta pola confección persoal do libro, concibido este como artefacto e contentor no que se fomenta a convivencia do poema co relato, no que se cruza a intención estética coa política e que acolle no seu interior a fotografía, integrada na poética discursiva e non como mero apósito paratextual (por exemplo, A Espera Crepuscular, 2002 ou O Regresso a arder, 2005). A viaxe de Inxalá convócanos a presenciar a aventura dunha reconstrución persoal, a que o personaxe narrador está a experimentar e a contar a un tempo. Comparten espazo no relato, pois, a evocación dunha andadura polo corno de África, a referencia á vida cotiá lisboeta (como percurso vital que se esgota) e mais a confesión dun amor.
Lisboa funciona na poética de Carlos Quiroga como un lugar case sagrado, meta final de peregrinos inocentes (Periferias, 1999) e, en Inxalá, como testemuño protagonista dun proceso de degradación existencial. Un médico galego, que xa conseguira que case ninguén o considerase "o médico espanhol", contando e tentando explicar a unha segunda persoa (á que ama) algún porqué, deitando a vista sobre o pasado en común e confesando a emoción de ter coñecido a Ondina. E esta segunda historia de amor desenvólvese nun plano duplo do pasado: o pasado remoto da fascinación e o pasado recente do accidental, dun encontro tráxico e inesperado que, por unha sorte de causas absurdas, obriga a unha fuxida necesaria e liberadora.
O rastro errante do viaxeiro polos pagos de Djibouti ou a Etiopia despreza a lectura exótica e introduce unha intención proxectiva que alcanza á personaxe no seu particular proceso de tránsito. Sexa através da escrita ou da fotografía, o relato da vivencia lisboeta e da historia de amor entrecórtase coa introdución dun imaxinario desertizado que remite tanto para a nada existencial como para a esperanza de fundar algo novo. Lonxe, alá onde se é estranxeiro e é posíbel escreber algún mito.
Fuxir, entón, como unha saída para a reconstrución. Meter distancia co mundo, acadar paz e silencio. E escreber, procurar palabras. O metaliterario, omnipresente na produción do autor, recoñécese de forma constante en Inxalá. A consciencia da escrita dun relato confesional e transcendente con formas sacras propias, digamos, deste século: "Agora que escrevo isto penso se me estarei a tornar um padre do deserto. Se estarei a escrever um Evangelho agnóstico só para ti. Se a minha única religiom está na memória de ti, e ao resto aplicarei o sorriso descuidado daquele australiano que se deixava tirar os birr pelas crianças nos mercados" (p. 83). A escrita como actividade potencialmente fundadora, como estratexia para o recoñecemento do outro e, para alén, como conformación do propio suxeito.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: