Dende 2006 a lei obriga a todas as administracións a facer os seus sitios web accesíbeis para persoas maiores e con discapacidade. Máis dun ano despois, ningunha deputación galega cumpre os requisitos mínimos de accesibilidade, segundo o Test de Accesibilidade Web (TAW), unha ferramenta financiada polo Ministerio de Industria. Polo contrario, a Xunta e os concellos de Santiago, Vigo, A Coruña e Ourense presenta resultados en principio aceptábeis.
O TAW clasifica os erros de accesibilidade en varios niveis. Hai fallos de nivel 1 cando "un ou máis grupos de usuarios" non poden acceder á información da web por culpa do código. Os problemas de nivel 2 indican que certas persoas terán dificultades para consultar a información.
Pois ben, a web da Deputación de Pontevedra acumula 826 erros destes niveles, 13 de máximo grao. Tamén suspenden as Deputacións de Ourense (282 erros, 25 de primeiro nivel) e de Lugo (97 fallos, 13 de máximo grao). Un chisco mellor parada sae a Deputación da Coruña, con 11 erros, 5 deles de primeiro nivel.
Só a Xunta e o Concello de Santiago están totalmente "limpos"
O certo é que, entre as principais administracións galegas, só dous portais, a Xunta e o Concello de Santiago, non teñen erros. En baremos aceptábeis móvense os sitios dos concellos de Vigo (1 erro), Coruña (2) e Ourense (8, pero ningún de primeiro nivel). Os municipios de Lugo e Ferrol non teñen fallos de nivel básico, pero si moitísimos de segundo grao.
A Lei de Servizos da Sociedade da Información e do Comercio Electrónico (LSSICE) obriga ás administracións a que "a información dispoñible nas súas respectivas páxinas poida ser accesible a persoas con discapacidade e en idade avanzada" de acordo con criterios de accesibilidade "xeralmente recoñecidos".
Están as administracións incumprindo a Lei?
Tendo en conta que os criterios sobre os que traballa o TAW están baseados nas recomendacións do World Wide Consortium, o ente que fixa os estándares que permiten o funcionamento de internet, pódese discutir se moitas institucións galegas están cumprindo a LSSICE.
É máis, as cifras de erros citadas neste artigo refírense unicamente a fallos "automáticos", aqueles que o sistema TAW identifica inequivocamente. Habería que comprobar tamén os erros que o TAW chama "manuais", sobre os que o sistema ten sospeitas pero que necesitarían que un programador os revisase para determinar se o código é apropiado. É posible, polo tanto, que a cantidade real de erros nos portais públicos sexa moito maior. Por exemplo, a web da Deputación Pontevedresa ten 826 fallos automáticos e case un milleiro máis de erros "manuais".
200.000 galegos con discapacidade
En Galiza estímase que o 10% dos cidadáns sofre algún tipo de discapacidade, polo que podería haber máis de 200.000 galegos que, en moitos casos, non poderían usar a rede con garantías para acceder á información pública.
O TAW é unha ferramenta de certo prestixio na comunidade internauta. Esta aplicación gañou o I Premio Complutense-Microsoft de Deseño Accesible en 2005 e foi desenvolvida pola Fundación CTIC, na que participan o Principado de Asturias e varias empresas tecnolóxicas.