Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOLICITA UN "GRAN ACORDO NACIONAL" PARA ACADAR NOVAS COMPETENCIAS

Quintana propón desenvolver ao máximo a capacidade do actual Estatuto

"A fortuna favorece aos audaces". Parafraseando ao poeta grego Horacio, comezou a súa intervención no Parlamento o líder do BNG, Anxo Quintana. Este asumiu a súas culpas "diante de todas as galegas e os galegos" polo fracaso na reformo do novo Estatuto. Afirmou, ademais, que non era tempo de reproches, senón de mirar cara o futuro. Neste sentido, propuxo "consenso, unidade e solidariedade" entre os tres grupos da Cámara para acadar e desenvolver todas as competencias -setenta, aceptadas polos gobernos galego e español- que o actual marco legal permite. Porén, tamén tivo críticas á xestión -persoal- do proceso estatutario levada a cabo por Alberte Núñez Feijoo.

- 13:32 07/02/2007
Tags:

Quintana criticou duramente que Feijoo tirase abaixo a reforma do novo Estatuto polas presións do partido e dos medios en Madrid. Ademais, lembroulle que en datas pasadas o líder do PPdeG declarara que o realmente importante non era o "nome do neno" (a identidade no preámbulo), senón como "alimentalo" (o financiamento). Porén, a inclusión da palabra "nación" foi, durante a pasada reunión en Monte Pío, a maior eiva para o acordo. "O neno agora non ten nome e ademais pode pasar fame", manifestoulle Quintana.

No entanto, Quintana voltou incidir na necesidade de non se lanzar reproches e aproveitar o tempo "dende hoxe mesmo" para avanzar cara un maior desenvolvemento compoetencial co Estatuto actual.

Así, propuxo asumir as competencias de Tráfico e Seguridade Vial, a Policía Autonómica, seguridade das costas, xestión de portos e aeroportos, capacidade de propor representantes galegos no Tribunal Constitucional, Comisión Nacional do Mercado de Valores, Tribunal da Competencia, etc., así como asumir a titularidade de museos, e a creación de comisións mixtas entre goberno español e galego cando se traten temas de interese industrial para Galiza.

Retruque
Tras a intervención do líder dos populares e a do presidente, Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana volveu á palestra para lle reclamar a Feijoo "respostas concretas" sobre "cuestións concretas". Inquiriulle de novo sobre a posibilidade de asumir novas competencias, o propoñeren membros para o Tribunal Supremo, ou a creación de comisións mixtas cando haxa intereses económicos galegos de por medio.

Ademais, acusou a Feijoo de "inmobilismo", cando non de retroceso, dixo. Lembroulle que a proposta de equiparar dereitos e deberes das linguas galega e española, xa fora recollida na Lei de Normalización Lingüística aprobada durante o goberno de Xerardo Fernández Albor.

Respecto o termo "nación" para definir o carácter identitario de Galiza, que segundo Feijoo "non o piden os galegos", Quintana replicoulle que "tampouco en 1978 ou 1981 se pedía o termo nacionalidade histórica; o que se pedía era o dereito a non quedar por baixo do nivel de Cataluña e Euskadi, de igual xeito que ocorre agora".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: