Co único impulso da enerxía solar, o Sun 21 chegou hai poucos días á Martinica, semanas despois de saír da outra beira do Atlántico. Os promotores da expedición quixeron facer coincidir esa simbólica chegada a porto coa presentación en París do informe sobre o cambio climático.
"Necesitamos novas coma esta, que nos fagan ser optimistas sobre o futuro que nos agarda", reflexionou Heikki Willstedt, un dos responsábeis do proxecto e experto en enerxía e cambio climático do colectivo ecoloxista WWF/Adena, "toda a enerxía pode vir do sol, e o que necesitamos é que políticos, empresas e cidadáns estean convencidos disto". "Apostar polas enerxías renovábeis é a única solución fronte á crise ecolóxica e política que causan os combustíbeis fósiles", advertiu.
Nin petróleo, nin emisións á atmosfera, nin vertidos contaminantes. O catamarán solar, bautizado Sun 21, completou así con éxito 6.400 km entre Cádiz e Martinica, con escala nas Illas Canarias, usando unicamente os paneis solares instalados na cuberta da embarcación. En palabras de Martin Vosseler, membro da tripulación: "Con esta viaxe lanzamos unha mensaxe clara: chega a era solar".