Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INDITEX ABRIU NO ÚLTIMO ANO MÁIS DE 400 TENDAS EN TODO O MUNDO

Traballadores de Pull&Bear en Ferrol concéntranse para reclamaren melloras laborais

Preto dun cento de técnicos empregados pola marca de Inditex Pull&Bear concentráronse este xoves ante a fábrica do grupo en Narón para esixirlle á dirección da multinacional unha serie de melloras laborais. Os traballadores demandan que se lles permita integrar unha plataforma intersindical que negocie axudas sociais e incrementos salariais para os técnicos da empresa. Os sindicatos reclaman para o colectivo un incremento salarial do IPC máis un 10% para o presente exercicio.

- 10:14 02/02/2007
Tags:

Segundo Fernando Patricio, membro do Comité de Empresa, as diferenzas salariais entre os traballadores da mesma empresa son notorias e "mentres hai uns poucos superasalariados leais á dirección, outros empregados teñen soldos precarios". Patricio sinala ademais que as garantías sociais estabelecidas como axudas para gardería ou complementos por fillo se reparten aleatoriamente entre o persoal por decisión da dirección do grupo téxtil.

Na concentración deste xoves os sindicatos denunciaron que a dirección "se nega a negociar" estes puntos pese a que os beneficios anuais do grupo Inditex "superan os mil millóns de euros" e lembran que "non se cobran as horas extra" cando a cotío a xornada laboral dalgúns empregados da planta de Río Pozo supera "as nove ou dez horas, e incluso ás veces once". O colectivo de técnicos, case a metade dos 300 traballadores de Pull&Bear en Narón, ameaza con intensificar e estender as súas mobilizacións fixando un calendario de protestas a partires da próxima semana.

Máis de 400 novas tendas do grupo no último ano
Mentres os traballadores de Ferrol reclaman melloras laborais, o grupo Inditex anunciou que no último ano abriu un total de 421 tendas das súas marcas Zara, Massimo Dutti, Pull&Bear, Bershka, Kiddys Class, Stradivarius, Oysho e Zara Home. Deste xeito, o grupo téxtil radicado en Arteixo ten xa unha rede formada por 3.113 tendas repartidas en sesenta e catro países. Zara é a marca con máis presenza, con 990 tendas abertas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)