Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
UN VECIÑO DE COLES CONTA A SÚA ODISEA PARA ACCEDER Á REDE CON BANDA LARGA

En Galiza seguen a instalar liñas obsoletas para internet

O presidente Touriño prometeu que a banda larga chegaría ao 90% da poboación en tres anos. Pero o certo a día de hoxe é que Telefónica -destinataria da maioría dos cartos públicos para ampliar a cobertura de internet- segue a ofrecer novas liñas de teléfono vía radio, que impiden as conexións de banda larga. E isto non sucede unicamente en aldeas remotas. Pasou en Coles, a dez minutos de Ourense, no mes de decembro. Un veciño deste concello relata a súa odisea para conectarse a internet. E é que en Galiza, tres postes de teléfono poden ser un abismo.

- 13:04 19/01/2007
Tags:

Xosé Manuel Pérez Teijeiro explica como, motivado polas informacións institucionais, contactou cunha empresa, que traballa para Telefónica, para por na casa internet e teléfono. A instaladora díxolle que non habería problema, pois a liña pasa a 120 metros da súa finca, no lugar da Barra. Eles porían tres postes no camiño e, iso si, o veciño tería que apañarse para levar a conexión dende o portal ao edificio. Cun cable que lle deu a empresa, Xosé Manuel enterrou a liña entre o portal e a casa, como se ve no mapa que el mesmo deseñou para explicar o seu caso.

Tres postes son "alto custe"
A sorpresa de Teijeiro foi maiúscula cando, segundo a súa versión, Telefónica lle denegou a extensión da liña ata o portal. O veciño asegura que Telefónica lle explicou que "a partir de máis de dous postes implica unha inversión de alto custe" polo que só lle podían ofrecer unha conexión vía radio. Loxicamente, Teijeiro negouse porque "eu xa teño móbil e o que quero é Internet porque a miña muller o necesita para traballar". Pola súa banda, a compañía asegura que non lle consta ningunha petición de novas liñas en Coles.

Segundo o veciño, no lugar de estender a liña 120 metros, Telefónica ofreceulle unha solución inútil para internet de banda larga. E iso a pesar que o Estado prevé oficalmente que o ADSL -unha das modalidades banda larga- chegue á Barra neste ano. Ante esta situación Xosé Manuel non sabe moi ben que facer e asegura que "estanme a putear". Telefónica argumenta que cando a banda larga chegue a ese lugar, as infraestruturas modernizaranse para que todos os veciños poidan aproveitarse do novo servizo.

A alta velocidade non é para todos
Este caso mostra a confusión que sofren moitos galegos polo baile de datas sobre cando poderán conectarse á banda larga. Cómpre lembrar que o acceso ao teléfono é un dereito universal, polo que o Estado ten a obriga de facilitalo a todos, usualmente a través de Telefónica. Non é así co acceso a internet de banda larga, prestación que se está a estender a través dun programa de subvencións ás operadoras. En definitiva, no caso de Coles pode interpretarse que Telefónica cumpriu coa sua obriga legal de facilitar un teléfono, aínda que fose a costa de descubrir as contradicións entre as promesas públicas e a realidade cotiá.

O martes a operadora revisou á alza as súas estimación de ingresos por ADSL. Telefonica asegura que gañou un 37% máis en 2006 pola prestación deste servizo en diferentes estados.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: