Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
A PROSTITUCIÓN EN GALICIA

Un negocio impune e invisíbel

Os vellos barrios chineses esmorecen, non así a prostitución. Da rúa ao club do club ao piso de contactos, o negocio do sexo en Galicia procura novos escenarios para unhas 14.000 mulleres mentras afortala o seu máis prezado capital: ser invisíbel. Unha reportaxe de Iago Martínez e Belén Puñal.

- 16:28 18/01/2007
Tags:

A prostitución é un país invisíbel. Sen censos de poboación nin volumes de negocio declarados, opera ao abeiro dos tabús e do pacto social da indiferenza nun limbo legal que só alenta o abuso. Hoxe, segundo as estimacións de Médicos do Mundo, unhas 14.000 mulleres son prostituídas en Galicia, fóra dos homes ou os transexuais. Algunhas, moi poucas, aínda traballan nas rúas e nos tradicionais "barrios chineses" das principais cidades, mais a maioría exerce xa nalgún dos clubs de alterne esparexidos polo país, uns 300 segundo os cálculos da Policía Nacional (2004) e 352 ao ver da asociación feminista Alecrín, case a metade na provincia da Coruña. Trátase dunha rede de negocio moi rendíbel que está a recuar, porén, diante do auxe crecente dos pisos de contactos, que teñen como principal capital a súa invisibilidade.

Os problemas das persoas que exercen a prostitución, a miúdo sen acceso a unha asistencia sanitaria básica, son moitos. Alén da coerción das redes que controlan o negocio, dos distintos tipos de violencia e das propias condicións de exercicio (falta de hixiene ou métodos anticonceptivos), os homes e as mulleres prostituídas sofren unha forte estigmatización social que deriva decote, segundo os expertos, en cadros de desestruturación familiar e trastornos psicolóxicos asociados á personalidade, ansiedade, insomnio, estrés postraumático, depresión, síndrome de hiperalerta e un longo etcétera, atrancos que se ven agravados polas consecuencias da inmigración ilegal ou por efecto das problemáticas asociadas á marxinalidade, como é o caso das drogodependencias.

A feminización da pobreza e a explosión migratoria cara aos países europeos non son fenómenos alleos á prostitución. Todo o contrario, sen eles é imposíbel apreixar esta realidade tal e como se manifesta hoxe. Como explica Verónica García, responsábel da unidade móbil de Médicos do Mundo con dez anos de traballo neste eido, "o actual escenario configurouse de maneira gradual coa chegada de mulleres inmigrantes con baixa cualificación e decote sen papeis". Tanto é así que, segundo os seus propios datos, o 95% das mulleres prostituídas en Galicia son hoxe estranxeiras, cifra que coincide coas fontes consultadas polo Servizo Galego de Igualdade para o seu informe sobre A prostitución feminina na Comunidade Autónoma de Galicia en 2004.

Prostitución e inmigración, dous fenómenos indisociábeis

A presenza de mulleres estranxeiras prostituídas en Galicia remóntase, segundo a socióloga Laura Oso, aos anos 70. Nun artigo recente, esta profesora da Universidade da Coruña recorda que "nun primeiro momento chegaron fundamentalmente mulleres portuguesas, e algunhas africanas que migraron igualmente a través de Portugal, e que foron seguidas polas dominicanas, arxentinas, brasileiras e venezolanas". Hoxe estas mulleres integran, coas galegas e españolas, ese residual catro por cento da prostitución de barrio do Pombal compostelán, a Ferrería viguesa, o Orzán coruñés e a rúa ourensá do Vilar, zonas excluídas dos novos circuítos da industria do sexo (grandes clubs e pisos de contactos) e acosadas pola presión inmobiliaria sobre os cascos antigos.

A procedencia destas mulleres resposta ás mesmas dinámicas que explican outros fluxos migratorios no país. Por iso, se a finais dos anos noventa eran as mulleres colombianas as máis numerosas na prostitución, outras nacionalidades comezaron a facerse presentes dende xaneiro de 2002. A instauración obrigatoria de visado para as colombianas que desexan entrar como turistas en España freou a súa chegada, que foi substituída de contado pola de mulleres brasileiras, africanas ou procedentes da Europa do Leste, tanto de Polonia ou Romanía como de países da antiga Unión Soviética.

As mulleres latinoamericanas, segundo diversas fontes, teñen maioritariamente entre 25 e 35 anos, son solteiras con fillos no seu país de orixe e teñen formación media de tipo profesional ou algún título universitario. Malia que as de máis idade poden exercer a prostitución nos "barrios chineses", o certo é que estas mulleres adoitan facelo en clubs e, unha vez pagada a débeda que as ata ao proxeneta, en pisos de contactos. Ao contrario, as africanas exercen sobre todo nas rúas de Vigo e Compostela, e só algunhas en clubs ou pisos. Maioritariamente nixerianas, aínda que tamén procedentes de Cabo Verde, Angola, Guinea e Serra Leoa, son máis novas que as súas compañeiras latinoamericanas. Con todas as reservas, xa que descoñecen o idioma e carecen moitas veces de documentación, son menores de 25 anos e teñen un nivel de estudos primario.

Por último, é crecente a presenza de mulleres do leste de Europa. Nun primeiro momento de orixe albanesa e máis tarde romanesa, tamén veñen dende Lituania, Ucraína, Hungría, Rusia e, en menor medida, de Bulgaria e Polonia. Tamén moi novas, da súa situación destaca a submisións ás mafias, o que en moitos casos determina que sexan menores de idade e que exerzan a prostitución en pisos ou clubs en poder destas redes de explotación sexual, agás o caso das mulleres albanesas en Vigo. De feito, a principal cidade do sur galego é, con Santiago, o principal destino destas mulleres.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (xaneiro de 2007, nº 116)


0/5 (0 votos)