Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A NORMA APROBARASE NO CONSELLO DA XUNTA DO XOVES

A nova Lei de Incendios sancionará a neglixencia na prevención dos lumes

O conselleiro de Medio Rural presentou o proxecto da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios, que está previsto aprobar no Consello da Xunta do xoves co obxectivo de que entre en vigor na primavera. Alfredo Suárez Canal adiantou que a norma incidirá na limpeza das faixas de protección dos núcleos rurais e na mellora da infraestrutura de transporte para contribuír á prevención e á loita contra o lume. Para as persoas que non cumpran coas súas obrigas, poñendo en perigo a masa forestal, están previstas sancións. Os concellos, como responsábeis subsidiarios, tal e como marca a Lei do Solo, poderían recibir medidas de presión, aínda que o conselleiro confiou na boa vontade das administracións locais.

- 17:57 16/01/2007
Tags:

A nova lei responde ao compromiso acadado no debate sobre o estado do país do pasado mes de outubro, e na súa redacción tivéronse en conta as alegacións que presentou a FEGAMP, afirmou Suárez Canal, para tentar acadar o maior consenso posíbel. Os obxectivos do texto legal son valorizar e ordenar o monte, co que se pretende evitar, gradualmente, o abandono da terra. Para iso fomentarase a xestión forestal sustentábel e o aproveitamento dos espazos. Así mesmo lembrou que os concellos terán axudas destinadas á prevención dos lumes mediante a limpeza dos montes. O noso país soporta cada ano unha media de dez mil lumes que afectan a 40.000 hectáreas, aínda que o ano 2006 superou ben estas marcas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: