Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
OPENTRAD TRADUCE 150.000 TEXTOS AO MES DENDE A SÚA CREACIÓN, EN NOVEMBRO DO 2005

O tradutor automático da Universidade de Vigo incorporará este ano o portugués

O tradutor de galego en liña Opentrad, da Universidade de Vigo, anunciou que vai incorporar ao longo deste ano a opción de converter textos do galego ao portugués e viceversa, do mesmo xeito que viña facendo co castelán. O servizo, creado polo Seminario de Lingüística Informática da universidade, trata unha media de 150.000 textos ao mes dende a súa posta en marcha en novembro do 2005. O seu coordinador, o profesor de Lingüística Xeral Xavier Gómez Guinovart explicou que os principais usuarios do servizo pertencen á Administración autonómica, escolas, centros sanitarios e concellos.

- 13:47 12/01/2007
Tags:

A ferramenta permite traducir tanto frases illadas como ficheiros, e mesmo navegar pola rede en tempo real na lingua desexada. O único requisito para traducir documentos, que conservan o seu deseño orixinal, é que se envíen en formato RTF. Ademais, a Universidade de Vigo garante a confidencialidade dos contidos recibidos, que non se almacenan no servidor. Opentrad xurdiu dun proxecto de investigación para a tradución automática das catro linguas oficiais do Estado, no que colaboraron catro universidades e catro empresas, entre elas a galega Imaxin Software. O programa é gratuíto e de código aberto, polo que se pode descargar e modificar libremente.

Durante o ano 2007 vaise incorporar a Opentrad a posibilidade de traducir dende e cara ao portugués, grazas ao financiamento da Consellería de Industria e o apoio da Universidade de Santiago e a empresa Imaxin. Segundo Xavier Gómez Guinovart, o servizo non compite cos tradutores profesionais, senón que crea a necesidade de converter textos para moitas empresas que non o contemplaban anteriormente e que precisarán dun experto para obter resultados de mellor calidade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: