Representantes da CIG subliñaron este mércores en rolda de prensa a responsabilidade de Rodolfo Almirón, xefe de seguridade de Manuel Fraga na súa etapa como presidente de Alianza Popular, na dirección e coordinación da banda terrorista Triple A, que asasinou a máis de 1.500 persoas durante a represión en Arxentina, entre eles a varios galegos. Ao tempo, pídenlle ao xuíz que chame a declarar ao ex presidente Fraga.
Fermín Paz Lamigueiro, secretario confederal de Servizos e Afiliación da CIG., e Lois Pérez Leira, coordenador nacional do Departamento de Migración do sindicato anunciaron na rolda de prensa celebrada en Vigo, que lle van solicitar ao xuíz Baltasar Garzón a extradición a Arxentina do presunto represor, detido hai dúas semanas en Valencia, e a imputación dos delictos de xenocidio e terrorismo de Estado.
O xuíz Garzón desestimou o caso hai dous anos, alegando que só instruía a partires do golpe de Estado en Arxentina de 1976. Daquelas, o sindicato considerou coma "un erro xurídico" que os delictos de xenocidio prescribisen.
Os representantes sindicais recordaron que, posteriormente, o xuíz arxentino Oyhanarte declarara que os crimes da Triple A, de lesa humanidade, non prescriben polo que solicitou a extradición de Almirón. A CIG entregou ao xuíz un estudo elaborado hai oito anos sobre a represión e a relación con Galiza dalgúns dirixentes, xunto ao Movemento de Arxentinos no Exterior, e que, segundo o sindicato, propiciou a detención de Rodolfo Almirón.
Ademais, a CIG solicitará a Garzón que chame a declarar como testemuña a Manuel Fraga pola súa relación con Almirón, xa que "Alianza Popular seguíulle a pagar despois de ser cesado". Tamén pedirá que declare o actual alcalde de Madrid, Alberto Ruiz Gallardón, daquelas abogado de Almirón e a ex presidenta de Arxentina, Isabel Perón.