O Instituto Enerxético de Galiza ten aínda en proceso de elaboración o estudo que analiza polo miúdo o impacto que un traslado cara á hora real tería en Galiza. Toda vez que o aforro enerxético é o fin fundamental co que se xustifica cada ano o cambio de hora, o conselleiro de Industria e Innovación, Fernando Blanco, respondeulle este mércores no Parlamento a unha pregunta ao respecto do deputado do BNG Bieito Lobeira. Segundo explicou Blanco, o 5% de aforro que como media se consegue no conxunto do Estado español, non chega sequera ao 1% en Galiza. Calidade de vida, conciliación de vida familiar e laboral e índices de produtividade son factores dos que se beneficiaría unha adaptación do horario á realidade.