Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ACTIVIDADE MOLESTA, INSALUBRE, NOCIVA E PERIGOSA

O TSXG anula a licenza para a queima de pneumáticos no Oural

O alto tribunal ven de desestimar o recurso de apelación presentado polo concello de Sarria e a fábrica de Cementos do Oural, deixando definitivamente anulada a licenza para a queima de pneumáticos na cementeira. A partir desta sentenza, contra da que non cabe xa recurso, a fatoría terá que paralizar a queima de pneumáticos que realizaba dende hai máis de 4 anos. Dende ADEGA e a Comisión pro Residuos Mínimos do Oural coidamos que se fixo xustiza cos veciños/as do Oural e da comarca: na incineración de pneumáticos danse todas as condicións para a formación de dioxinas, furanos, benceno, HAPs, metais pesados volátiles...

- 23:54 23/12/2006
Tags:

Dende calquer mínima preocupación pola saúde da xente e do medio ambiente, tratándose de compostos de tan preocupante e recoñecido poder canceríxeno e carcinoxénico, tan altamente persistentes e bioacumulabeis ao longo da cadea alimentaria e para os que as mesmas Directivas Europeas recoñecen que non hai límites de seguridade, non podía menos que aplicarse o principio de precaución, hoxe xa recoñecido pola lexislación vixente.

Estes, -a defensa da sáude de todos/as nós-, e non outros foron e son os nosos argumentos. Unha vez máis queremos decir que nen dende ADEGA, nen dende a Comisión do Oural, temos nada en contra da fábrica: dela seguimos querendo que continúe a facer o millor cemento e nas millores condicións posíbeis. Defendemos tamén que a súa producción poda ser o máis competitiva posíbel, pero non pode nen tampouco é necesario que sexa á conta da saúde dos traballadores e e veciños do Oural nen á conta da salubridade do Medio Ambiente.

Outras enerxías renovábeis poden ser utilizadas para abaratar custos de produción sen poñer en risco a saúde de todos e todas nós.

FUNDAMENTOS DA SENTENZA:
-A argumentación xurídica da sentenza arranca do recoñecemento de que, en aplicación do Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas, a incineración de pneumáticos é indudabelmente unha actividade molesta, insalubre, nociva e perigosa, tal e como tiña sido calificada pola Delegación Provincial de Meio Ambiente. Polo tanto, en aplicación do artigo 4 do Regulamento, tal actividade non pode ubicarse a menos de 2000 metros de calquer núcleo de povoación agrupada.
-Non acepta o argumento dos apelantes de que o Regulamento non é aplicábel a esta actividade porque non se trata de ningunha nova industria fabril, senón só dunha substitución de combustíbel, expoñendo con claridade, en concordancia con reiterada xurisprudencia (sentenzas do Tribunal Supremo de 4/10/1991 e posteriores de 11/05/2004 ou de 7/10/2003 e outras), que tal artigo ten que ser de aplicación a calquer actividade industrial. E non cabe dúbida de que estamos ante unha nova actividade industrial, como se proba por necesitar autorización como xestor de residuos e necesitar de nova licencia municipal.

-Tampouco acepta a sentenza o argumento dos apelantes, (concello de Sarria e empresa), de que a fábrica de Cemento é anterior á vixencia do RAMINP, por unha parte porque como se dixo no apartado anterior, trátase dunha nova actividade (xestión de residuos) que como tal está sometida ao RAMINP. Pero, ademáis porque de non ser así, habería que entender que se trata dunha ampliación de actividade que, entón, tería que serlle de aplicación o disposto na disposición transitoria terceira do Regulamento de que "non se poderán conceder licenzas para a ampliación ou reforma nen se autorizará o traspaso de industrias ou actividades que non reúnan as condicións establecidas neste Regulamento, a non ser que as medidas correctoras que se adopten eliminen coa debida garantía as causas determinantes da súa calificación como actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas." A este respeito, engade a sentenza, non chega con xustificar que a instalación conta con todas as condicións e medidas correctoras que a lei exixe, xa que o criterio da distancia ten que ser entendido como unha condición máis.

-Por último, contra argumentación dos apelantes de que, en todo caso, subsidiariamente, teña que ser de aplicación a excepcionalidade prevista no artigo 20 do RAMINP, no sentido de que, previo informe favorábel da Comisión Provincial de Servizos Técnicos (na actualidade, a Delegación Provincial de Medio Ambiente), se pode autorizar un emprazamento distinto ao requerido no artigo 4 do Regulamento, a sentenza entende a) que esta dispensa sobre distancias mínimas non pode aceptarse que teña interpretacións extensivas (sentenza do Tribunal Supremo de 18/07/1994); b) que, en todo caso, o informe favorable de dita Comisión tén que referirse especificamente ao tema das distancias, razonando cais son as circunstancias do caso concreto que xustifican a excepcionalidade (SSTS de 4/12/81, de 19/04/1982 ou de 28/03/2000) de tal ubicación; c) que, ademáis, a xustificación que poda dar o referido informe da Comisión Provincial de Servizos Técnicos "debe de permitir apreciar que as medidas correctoras impostas non só só as que demanda a actividade de que se trate, senón que, ademáis, as exixíbeis pola concreta circunstancia da reducción das distancias" . "Non chega, pois, di esta sentenza, con alegar que a instalación cumpre todas as medidas reglamentarias exixidas para unha fábrica de cemento que utiliza como combustible, en parte, pneumáticos usados, pois iso non é nada excepcional, senón o que todas deben facer. O que tería que porse de manifesto sería a concurrencia de circunstancias excepcionais para permitir que unha actividade fabril calificada como molesta, insalubre, nociva e perigosa se desenrolase a unda distancia non só inferior á reglamentariamente establecida, senón tan reducida como a de 100 metros que á que se encontran algunhas vivendas, como resulta non só do informado pericialmente, senón da documentación gráfica aportada".

CONSECUENCIAS DA SENTENZA: A primeira consecuencia que se deriva desta sentenza é que ten que cesar a queima de pneumáticos. A este respeito, agardamos non necesitar solicitar a execución de sentenza por vía xudicial.

A segunda consecuencia vais ser a de que tanto dende a Consellería de Medio Ambiente como dende a Consellería de Industria, deben empezar a traballar en buscar unha saída para os pneumáticos usados. O acordo que por iniciativa do BNG vén de aprobar o Parlamento Galego en outubro pasado, sinala xa o camiño cara o que haberá que ir con urxencia para dar saída a esas 18-20.000 toneladas de pneumáticos usados que Galiza xenera anualmente. E esperamos igualmente que o novo Plan de Pneumáticos Usados que ten que elaborarse neste próximo ano serva para empuxar aínda máis esas outras alternativas distintas á incineración: non hai razón para que así non sexa, pois está probado que o caucho é un excelente aditivo para o asfalto, tanto cando se utiliza como árido, como cando se utiliza como aglomerante, ao que lle aporta tamén excelentes cualidades de aderencia, resistencia ao frío, durabilidade, ruído, etc.

A terceira consecuencia que debera ter é que tanto o governo municipal anterior presidido por D. Claudio Garrido que autorizou a queima, como o governo actual que acompañou á fábrica no recurso de apelación fagan cando menos unha acertada reflexión sobre o tema e se disculpen ante os veciños do Oural e comarca polo esforzo económico e o traballo que a Comisión e ADEGA tivemos que realizar para defender a salubridade do Medio Ambiente e a saúde de todos nós, cando tiña que ser a primeira preocupación de todos eles como representantes dos cidadáns/ás na Corporación Municipal.

Para acabar, non cabe dúbida que esta é unha sentenza que abre camiños para o control de moitas outras actividades insalubres e perigosas que se hoxe seguen producíndose impunemente. Esperamos, en calque caso que, coñecendo esta sentenza, non fagan falta máis procesos xudiciais ao respecto.

AGRADECEMENTOS: dende que en Xuño de 2.000 se presentaron por parte de ADEGA as primeiras alegacións até chegar a esta sentenza, son moitas as reunións e moitas as actividades que temos realizado. A todas e a todos os que colaboraron nelas debemos, en boa medida, este éxito. Así pois, a todas e todos os que nos acompañaron nas reunións, aos bares do Oural que nos cederon os locais para elas; aos que dende a mesa ou dende o público, nos acompañaron nas conferenzas realizadas; aos que nos acompañaron nas tres manifestacións que celebramos no Oural e en Sarria; aos medios de comunicación que con puntualidade seguiron sempre a nosa actividade; aos que colaboraron economicamente para poder levar a cabo todas estas actividades e poder pagar os gastos deste proceso xudicial; e por suposto, aos que tiveron ao seu cargo o seguimento xurídico de todo este proceso (primeiro Sabela Caldas, a quen lle debemos o primeiro recurso contra a exposición pública e máis o recurso de reposición) e ao abogado Apolinar Gémez Roca que levou todo o peso deste contencioso-administrativo así como á Procuradora Lourdes García Méndez, o noso total agradecemento. E, por suposto, un agradecemento especial aos compañeiros e compañeiras desta Comisión que, a pesar das presións e chantaxes de todo tipo que tiveron que soportar, souberon continuar con fortaleza de ánimo até o final. A todos eles e elas, MOITAS GRAZAS.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: