"O episcopado español non ten superado polo visto nin a tentación do nacional-catolicismo na concepción do Estado nin a do dogmatismo cara ao interior da Igrexa". Esta reflexión forma parte da queixa asinada por varias asociacións de Igrexa de base galegas, entre elas Irimia, Somos Igrexa e Encrucillada, integradas na Coordenadora de Crentes Galegas, e por ducias doutros grupos en todo o Estado. O texto sae en resposta ás instrucións da Conferencia Episcopal Española na súa pastoral Orientacións morais diante da situación actual en España.