Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
X SEMINARIO DE ARQUIVOS FÍLMICOS

O cinema en cueiros, no CGAI

O CGAI ten previstas varias proxeccións no seo do X Seminario de Arquivos Fílmicos. Recuperar, identificar, catalogar, restaurar e difundir o cine producido antes de 1920, organizado en colaboración coa Filmoteca Española na propia sede do CGAI, na Coruña. Durante os días 15, 16 e 17 de novembro, poderemos asistir de balde ao visionado de auténticas xoias do cinema, pezas de museo en celuloide: os experimentos dos Lumière, Pathé ou Warwick, o primeiro cinema feito na Península, e moitas máis marabillas de cando os filmes non tiñan son nin cor.

- 12:59 15/11/2006
Tags:

As primeiras luces en Francia e Alemaña
O mércores 15 ás oito, en pouco máis dunha hora, poderemos ver 1.200 metros de película que foron os alicerces da sétima arte: os primeiros pasos dunha arte en cueiros, cos irmáns Lumière, descubridores dun invento que patentaron no 1894, e chamaban "unha invención sen ningún futuro", humildemente. Hallebardiers de la reine, de 1896, o Muro derrubado, dese mesmo ano, o Barco saíndo do porto e A caravana de camelos, un ano despois. Tamén coñeceremos a Charles Pathé, outro dos precursores, fundador da Societé Pathé Frères, cos seus tres irmáns: o seu documental sobre a Recepción a Alfonso XIII e Barcelona (1904), Montañas rusas náuticas (1902), a Persecución accidentada (1903), Accidente naútico (1903), A galiña prodixiosa (1902), unha chea de documentais realizados entre 1897 e 1899 (Baño de colexiais e Comida de colexiais, Unha boa historia, Passage de la Marne par les chevaux du 28 dragons, As lavandeiras, Provincianos en París, Avenida do bosque de Boulogne e Viaxe en tren); a Batalla na neve e os Bañistas no Sena (as primeiras curtas), de 1896, ou Salto de cabalos: obstáculos (1898-1899). Tamén a Taberna bretona (1896-1899) se lle atribúe.

De Ambroise François Parnaland veremos Mât de beaupré, Galanteos militares, Baños públicos (1897-1899), Bateau insubmersible, Pierrot e o demo, Caza do cervo en Inglaterra, Salto de cabalos: parella e os primeiros efectos especiais (darlle a volta ao filme) en Restitución do vaso de viño (1900), A disputa (1902-1904)

Tamén veremos os primeiros documentais españois, entre 1902 e 1906: Xura de bandeira (Madrid), Regatas en Bilbao e Carnaval na Castellana, e o anónimo Desfile de benvida, de 1896. Dunha das máis importantes produtoras, a Warwick, achégannos Tor di Quinto, Tor di Quinto (Die centauren der gegenwart) (1905) e Vodas reais, e de Léon Ernest Gaumont, Caridade sen recompensa, do mesmo ano.

Filmes médicos e tauromaquia
O xoves entramos xa de cheo na década de 1910 a 1920. 107 minutos de proxección que reúnen a primeira cinematografía hispana (La secta de los misteriosos, de Alberto Marro, 1916) e os filmes médicos de Eugène-Louis Doyen: Extirpation des tumeurs encapsulées (1906) e Les opérations sur la cavité crânienne (1911).

Por último, o venres, a última das proxeccións dura 68 minutos, e está dedicada integramente a filmes en diferentes formatos da casa H. B. Cuesta. A proxección realízase a 18 imaxes por segundo. Veremos os filmes que realizou con Ángel García Cardona: Visita regia de S. M. el rey D. Alfonso XIII a Valencia, La entrada del Rey en Valencia e Batalla de flores, de 1905. Cunha duración de 9’32", o filme está feito en 35mm, branco e negro e é muda, loxicamente (aínda faltan máis de vinte anos para O cantor de jazz). É unha reportaxe da visita de Alfonso XIII a Valencia e a súa participación nunha batalla de flores celebrada na súa honra no abril daquel ano. Conservada por IVAC. Outra Batalla de flores foi gravada en dúas partes diferenciadas, de 1 minuto e 2'03'' respectivamente, en branco e negro coloreado a man, e 35 mm. e muda, o 1 de agosto de 1905. Estes reporteiros seguiron a El-Rei até a Albufera en 1906, e fixeron alí outro pequeño docuemtnal do que veremos un fragmento de 2’24". Do mesmo ano é O cego da aldea, de 9’46", e de 1910, Benítez quere ser toureiro, de 5 minutos, e Exposición Nacional. esta última está incompleta, pero nos 21 minutos gardados descubriremos unha agrupación de distintas reportaxes filmadas ao longo dun certame. Por último, abórdase a temática taurina de novo en La barrera Nº 13 (1912), na que un toureiro arrenega da súa amante perante a súa dona e filla antes de morrer na enfermería da praza, e unha corrida de touros en Valencia con Gallo, Paco Madrid, Flores, e Belmonte, de 1914.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: