Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O CONSELLO DA XUNTA APROBA O PROXECTO DE LEI

O goberno promete unha Policía Galega "integral e concreta"

Logo de vinte e cinco anos, un Consello da Xunta aprobou por fin un proxecto de lei para dotar o noso país dun corpo policial propio. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, sinalou que a Policía Galega vai ser un corpo "integral e concreto". Segundo subliñou, o proxecto aprobado polo bipartito permitirá un corpo homologábel ao de calquera "país democrático". A grande pregunta é se teremos unha policía meramente sectorial ou se hai vontade de ter axentes galegos despregados por todo o territorio.

- 10:41 03/11/2006
Tags:

Diante dos xornalistas, Touriño salientou que a creación dunha Policía Galega era "a única competencia do Estatuto de 1981 que estaba sen desenvolver". O presidente da Xunta sinalou que o corpo policial vai ter a súa propia entidade simbólica e organizativa. O bipartito quere que os axentes teñan competencias plenas no mantemento da orde pública así como funcións máis administrativas e xudiciais.

O presidente incidiu en que o texto aprobado é unha lei marco que crea o eido lexislativo a partir do cal o goberno poderá determinar que grao de despregamento necesita Galicia e que grao de asunción de competencias asumirá. Unha vez aprobado o documento no Parlamento de Galiza, o executivo terá que traballar nas correspondentes negociacións das transferencias de recursos e competencias, así como no seu despregue territorial ou sectorial ao longo do tempo.

Eis unha das grandes dúbidas que suscita este corpo. A Xunta podería optar por competencias sectoriais, que non mudasen substancialmente a distribución actual das forzas de seguridade que hai agora en Galiza ou ben apostar por un progresivo despregue territorial. Isto permitiría que a Policía Galega tivese unha presenza real en todas as comarcas galegas e substituíse ao cabo do tempo a boa parte das forzas do Estado.

Hai que ter en conta que na actualidade a Unidade Adscrita á Xunta, formada por axentes da ‘Policía Nacional’, ten 400 funcionarios e unha serie de competencias moi limitadas. O número é claramente simbólico se se ten en conta que as forzas do Estado teñen 9.000 efectivos no noso país. Touriño sinala que a cifra final de axentes da Policía Galega está sen decidir e dependerá da negociación de transferencias con Madrid.

De todos os xeitos, Touriño asegura que en 2007 entrara na Academia Galega de Seguridade da Estrada a primeira promoción de axentes. O presidente a Xunta puxo como exemplo o caso dos Mossos de Esquadra que tardaron case dez anos en facer o despregue completo: "o importante é facer as cousas ben"

Lei de Coordinación de Policías Locais

O Consello da Xunta aprobou tamén a Lei de Policías Locais, un texto que recolle a coordinación deste corpo para que os concellos que non teñen policía local o poidan ter. Trata de regular o ámbito estrico da policía dos concellos. Crea as escalas, establece a carreira profesional e tipifica todos os elementos que faltaban por regular dentro do ámbito deste corpo. O proxecto, salientou o presidente da Xunta, foi consensuado coa Fegamp, nun tema que "non era fácil", porque tiña que ser válido para todos os concellos. Tanto esta lei como a da Policía Galega serán enviadas de inmediato ao Parlamento de Galiza. O conselleiro Xosé Luís Méndez Romeu barallaba esta semana a posibilidade de que estas leis quedasen aprobadas finalmente a vindeira primavera.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: