Este mes de outubro o espazo da TVG "Galicia Documental" (sábados as 16:20) ofrece unha serie de documentais centrados na recuperación de elementos da nosa memoria histórica: o arrieiro medieval, os escuros anos da guerra civil (a represión na illa de San Simón) e o tráfico do wolfram), ou os batáns do Mosquetín son algunhas das chaves para entender o noso pasado, das que poderemoza gozar na sobremesa dos sábados.
O sábado 7 poderemos ver O andar do arrieiro de Producciones Sanmartín Padrón. O actor Xosé Lois Bernal encarna a un destes personaxes, percorrendo a zona do Ribeiro coa compaña da súa mula Fonseca e entrecruzándose con persoas diversas.
O arrieiro é un personaxe que data da Alta Idade Media. Percorría os camiños medievais cunha recua de mulas que transportaban o viño do ribeiro.
Os sábados 14 e 21 contaremos con dúas producións do director Antonio Caeiro (buxoproducións): A memoria dos tempos do wolfram aborda a importancia deste mineral, que se fixo enormemente necesario nos anos do comezo da Segunda Guerra Mundial para o estado alemán: Galiza converteuse en "El Dorado", e comezou o estraperlo e as aventuras de mineiros, aventureiros, guerrilleiros, gardas civís, presos políticos, etc, conviviron nos montes galegos e entrecruzaron as súas vidas. É a historia de aquelas personas contada por elas mesmas, nun documental merecedor do primeiro premio no certame de vídeo Espiello'05. O outro tamén está contado na voz dos testemuñas, ou dos supervivintes, habería que dicir: Aillados lembra o campo de concentración da Illa de San Simón, na Ría de Vigo durante os anos da Guerra Civil española. Horas e horas de gravación en vídeo deron lugar a este documental no que se tenta reflexar a emoción e a traxedia daqueles anos. Un traballo de investigación plantexado cunha metodoloxía de historia oral. Interveñen Alfredo Bautista "Reisiño", Teresa Blanco, Joaquín Nores, Heriberto R. Bermejo, Antonio Piñeiro, Antonio Salvador Caja, Manuel Barros, Ángel Fdez. del Rio, Antonio Durán, Ildefonso Puente e Carlos Alonso.
Por último, o sábado 28 veremos Os batáns do mosquetín de Marcos Gallego (Saga TV), que recupera a memoria dos derradeiros batáns de Galiza, en Vimianzo. Estes artiluxios que tanto facilitaron o abrigo dos nosos ancestros constitúen hoxe unha auténtica mostra da etnografía galega. Pero, como lles aconteceu aos seus iguais ubicados noutras zonas da nosa xeografía, estiveron a punto de desaparecer, froito do paso do tempo e do esquecemento das autoridades. Foi grazas á iniciativa do historiador Xosé María Lema, así como dalgúns concelleiros da vila e de membros das asociacións culturais da Terra de Soneira, que a día de hoxe, podemos marabillarnos con estes exemplos de enxeñería popular.