Á tardiña deste martes chegaba ao peirao de Curuxeiras procedente de Mugardos o vapor Hidria II, coñecido tamén como o Barco da Memoria. Grazas a unha iniciativa da Consellaría de Cultura, esta emblemática embarcación réndelle homenaxe ás persoas represaliadas tras o golpe de estado franquista na Galiza mariñeira. Así, nas súas adegas pode visitarse a mostra Os mártires do mar: Represión franquista contra os mariñeiros galegos. Coincidindo coa súa estadía na cidade desenvolveranse diversas actividades, como o descobremento de varias placas en lembranza das vítimas da represión, ou un acto no que intervirán persoas represaliadas ou familiares das mesmas. O Barco da Memoria deixará a cidade o xoves á noite.
Dende onte pode visitarse no peirao de Curuxeiras o Barco da Memoria, que dende o 18 de xullo está a percorrer diversas localidades da costa galega. Procedente de Mugardos, onde recibiu arredor de 2.500 visitantes, chega agora a Ferrol para renderlle homenaxe ás vítimas da represión franquista.
Nas adegas do Hidria II pode visitarse a mostra Os mártires do mar: Represión franquista contra os mariñeiros galegos. Unha iniciativa que permite coñecer, por medio de diversos paneis, o asañamento dos fascistas contra o tecido societario urdido polos traballadores do mar. Na cuberta da embarcación instaláronse, asemade, cinco paneis nos que poden lerse os nomes dos asasinados en Ferrolterra entre os anos 1936 e 1939.
Este mércores, ás 19:30 horas, terá lugar no salón de exposicións da Autoridade Portuaria un dos actos máis emotivos da programación. Así, o encontro "A voz das vítimas" recollerá o testemuño dos propios represaliados, ou dos seus familiares. Ao longo da xornada proxectaranse varios documentais relacionados coa represión.
Xa o xoves, descubriranse en varios puntos do municipio varias placas en lembranza das persoas asasinadas na comarca. Será no antigo cemiterio de Canido -ás 12:00 horas-, no cemiterio de Serantes -ás 13:00- e no castelo de San Felipe -19:30 horas-. Neste último escenario terá lugar ademais un recital de poesía e música. Para asistir a este acto habilitarase lanchas que partirán de Ferrol ás 17: 30 e 18:30, con regreso previsto para as 21:00 e as 21:30 horas.
As actividades darán remate o xoves 24 ás 22:00, cunha festa de despedida ao Barco da Memoria no peirao de Ferrol. A exposición Os mártires do mar poderá visitarse ata ese momento en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00.
Sen recepción institucional
O grupo municipal do BNG denunciou nos últimos días a negativa do alcalde, Juan Juncal, a debater unha proposta nacionalista destinada a que o Concello se sumase ás actividades previstas durante a estadía do Barco na cidade. Así, segundo apuntan, os responsables municipais impediron o desenvolvemento dunha Comisión Informativa de Cultura na que fora posible debater a adhesión institucional aos actos organizados pola Consellaría de Cultura.
Deste xeito, sinalan, "a atitude do goberno municipal é unha mostra da falla de talante democrático da coalición PP-IF,
ademais de deixar entrever a premeditada decisión dos grupos que forman o Goberno Local de seguir colaborando na ocultación e manipulación da memoria histórica, negando a existencia da represión e de continuar deixando no silencio e anonimato as vítimas do franquismo e as súas familias".