Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DIFUNDIRÁ A NOSA HISTORIA RECENTE ATÉ O 6 DE SETEMBRO

O Barco da Memoria acada as 13 mil visitas no ecuador da súa travesía

O Hidria II é a embarcación que a Consellaría de Cultura rehabilitou para que botase andar pola costa galega co obxectivo de que os cidadáns puidesen coñecer "unha época da nosa Historia que aínda ten demasiados silencios", como foi o réxime franquista. Polo momento, foron 13.000 os que se achegaron. O Barco da Memoria porta nas adegas unha exposición que rende homenaxe aos represaliados do mar ademais doutras actividades paralelas en terra como son as conferencias, a proxección de documentais ou diversos concertos. Ditas actividades encádranse nas programadas para este Ano da Memoria.

- 09:36 16/08/2006
Tags:

Con esta iniciativa, desde a Consellaría pretenden tamén que familiares dos represaliados se acheguen até o barco e boten luz sobre a historia dos que sufriron para que os demais poidamos saber dela. Foron xa varias, segundo o departamento da Xunta, as persoas que xa se achegaron con esta finalidade ao Hidria II. Outras intercambiaron experiencias nestas 10 vilas nas que ten recabado o Barco.

Unha das realidades silenciadas que se contan neste barco é o relato da represión iniciada tras o golpe militar, que "se ensañou na costa co tecido sindical que se creara arredor das fábricas conserveiras e dos traballadores mariñeiros". Segundo explica a Consellaría, líderes sindicais e persoas significadas na loita polas liberdades e polas melloras das condicións laborais foron asasinadas, sufriron prisión ou foron repudiadas. Esta e outras das represións practicadas polo franquismo son o que atoparon no Barco da Memoria os máis de 13.000 visitantes que se achegaron a el neste ecuador da súa andadura pola costa galega.

Esta embarcación alberga tamén unha exposición, "Os mártires do mar: Represión franquista contra os mariñeiros galegos", ademais de varias proxeccións audiovisuais e outras iniciativas que se desenvolven xa en terra nas localidades que visita o buque. Os organizadores dan un paso máis e procuran que a el non só acudan as persoas viculadas coa repressión, "senón tamén persoas que descoñecían a dimensión das consecuencias do alzamento franquista" para dar a coñecer esta realidade.

O Hidria II foi botado ao mar en Cambados o pasado día 18 de xullo. Do 15 ao 18 de agosto estará na Coruña, en Mugardos pasará do 19 ao 21, a Ferrol dirixirase do 22 ao 24, para baixar logo até a Ría de Vigo o 26 e a Cangas, os días 27 e 28. Finalmente, en setembro, estará en Vigo nas xornadas do un e até o 3, en Raxo do 29 ao 31 e en Vilagarcía do 4 ao 6. O día 26 de agosto o Barco da Memoria percorrerá a ría de Vigo nunha homenaxe á xente do mar asasinada e fondeada na ría.


0/5 (0 votos)