Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARA A REDUCIÓN DA SINISTRALIDADE LABORAL NO PERÍODO 2006-2010

Sindicatos, patróns e Xunta acordan o primeiro plan de prevención de riscos no traballo

O acordo consensuado parte, segundo o documento, do recoñecemento da "singularidade propia" que a prevención dos riscos no traballo tén en Galiza, condicionada pola súa estrutura empresarial "formada na súa meirande parte de medianas ou microempresas, o que require un tratamento específico, e por importantes problemas ou eivas derivados da insuficiencia de recursos destinados á prevención". Asinan a consellarían de Traballo, a Confederación de Empresarios de Galiza e os sindicatos UXT-Galiza, CCOO-Galiza e CIG. Por diante o desafío da redución das cifras que en 2005 avisan dun milleiro de accidentes graves e case cen mortos no traballo.

- 07:40 02/08/2006
Tags:

O 'Plan Estratéxico para a Prevención de Riscos Laborais 2006-2010', refírese a tres eixos de actuación: redución de accidentes laborais, así como das enfermidades de orixe laboral; a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo e a asunción desas melloras por parte dos empresarios e traballadores; e a superación das dificultades que se derivan da realidade estrutural das empresas galegas e dos seus traballadores "que polas súas características (medianas e microempresas) fan necesario reforzar os mecanismos de información e asesoramento na materia de prevención de riscos laborais)".

Entre os obxectivos concretos a desenvolver a través de actuacións e programas específicos: A consideración nos contratos da administración daqueles casos nos que se cometesen delitos ou infraccións administrativas moi graves en materia de seguridade e saúde laboral; campañas de sensibilización, xenéricas e específicas, sobre os accidentes, as secuelas e os seus custos, entre empresas e os traballadores e desde o propio sistema educativo; creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral; aprobación dunha normativa legal específica; creación dun observatorio de estudo da accidentabilidade e de condicións de traballo; elaboración dun programa de información sobre vixilancia epidemiolóxica da saúde laboral; programa de análise, estudo e asesoramento de riscos específicos vencellados ás enfermidades profesionais, incluíndo axentes químicos, ruído, vibracións, movementos repetitivos, sobreesforzos, trastornos músculo-esqueléticos en xeral, acoso moral, síndrome do queimado, violencia no traballo, etc.


Ligazóns

0/5 (0 votos)