Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
A UE TRATARÁ DE PROTEXER Á INFANCIA DOS PREXUÍZOS DESTA TECNOLOXÍA

Preocupación polos efectos dos móbiles nos máis novos

A Comisión Europea amosou a súa preocupación pola enorme difusión da telefonía móbil entre a xuventude, especialmente os menores de idade, e iniciou esta semana unha consulta pública encamiñada a establecer medidas para protexer á infancia dos perigos deste tipo de telefones. Estes trebellos non só poden provocar problemas de saúde, senón tamén de incomunicación entre os rapaces, e abren a porta a novos tipos de acoso desenvolvidos á par das tecnoloxías máis avanzadas que se aplican aos telefones.

- 10:48 27/07/2006
Tags:

Cada vez máis estudos científicos apuntan á relación entre o aumento de certos tipos de cancro e o uso dos móbiles. Estes traballos teñen bastantes dificultades para saír á luz e mesmo para seren realizados debido ás presións da industria da telefonía móbil, e apuntan a problemas provocados polo exceso de radiación. As antenas que cobren todo o territorio e o feito de non separármonos nen para durmir destes cacharros agravan os riscos. No caso da infancia os riscos de saúde serán aínda maiores.

Sen embargo, a preocupación de Bruxelas está máis motivada polo risco de acoso e polos problemas derivados do consumo. As novas tecnoloxías incorporadas aos móbiles serían desencadeantes da situación: acceso a internet, vídeos, gravacións... Os rapaces acceden cada vez máis novos (o 36% dos usuarios de telefonía móbil da UE son menores de 18 anos) e son, polo tanto, máis vulnerábeis ao consumismo patolóxico e a novas formas de acoso como o grooming, que consiste no uso de móbiles por adultos para tratar de achegarse aos menores e quedar con eles.

Diversas asociacións de protección da infancia teñen protestado xa pola publicidade destes trebellos, dirixida aos rapaces máis novos, que queren a toda costa dispór do seu mancontro cada vez máis novos. Cifras da oficina de estatística da UE indican que o 87% dos mozos de 16 e 17 anos teñen móbil; á vez que o 80% dos de 14 e 15 anos; o 70% dos de 12 e 13; o 41% dos de 10 e 11; o 23% dos de 8 e 9; o 7% dos de 6 e 7 e o 2% dos menores desa idade.

A UE debaterá de aquí ao 26 de outubro con direfentes colectivos representativos das partes implicadas: empresas de telefonía, asociacións de protección da infancia e de pais, fabricantes, autoridades, etc.


0/5 (0 votos)