Un grupo de cidadáns "indignados polo que se quere facer a carón do Parque de Rosalía decidiron hai uns meses coordinar esforzos para evitar unha obra aprobada polo Concello que chantará seis bloques de ladrillo e de cemento nas costas do parque. Segundo os membros da asociación, a maioría residentes na zona, isto implicaría substituír as vistas do Miño desde o Parque de Rosalía por unha parede de 30 metros de altura, en beneficio das vivendas novas que se construirán en torno a eses bloques pero desfacendo a paisaxe e a harmonía urbanística da cidade. Para impedilo crearon unha web na que xa levan máis de 4 mil sinaturas recibidas.
Os obxectivos que a asociación -antes plataforma- expoñen na súa web son preservar o espazo natural do Parque de Rosalía e o seu entorno para futuras xeracións, conservar as señas de identidade turísticas e paixaxísticas que se divisan dende a Pérgola -o meandro do río Miño, as carballeiras e leiras do seu entorno...-, e harmonizar os tres espazos maís significativos da cidade : a muralla, a zona monumental e as costas do Parque de Rosalía.
Para acadalos abriron varias vías de reclamación na rede, a través das que se pode enviar unha carta ao alcalde de Lugo, o socialista Xosé López Orozco, e tamén asinar para pedir que o Parque de Rosalía sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Así mesmo, dan conta das actividades levadas a cabo até o de agora e presentan unha serie de fotografías que denuncian as posíbeis consecuencias de seguir adiante coa edificación.
Por último, na web recóllense textos literarios sobre o parque de Otero Pedrayo, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco e Lois Diéguez.