Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
VERDEGAIA COIDA QUE A PROPOSTA CARECE DE AMBICIÓN

A proposta de Plano de Dereitos de Emisión de CO2 beneficia as térmicas de carbón

A asociación ecoloxista Verdegaia coida que a proposta de Plano Nacional de Asignación (PNA) de Dereitos de Emisión de dióxido de carbono (CO2) para o período 2008-2012 carece de ambición e resulta pouco acorde co espírito do Protocolo de Quioto. En particular, Verdegaia critica que a proposta de Plano presentada na semana pasada polo Goberno central beneficie as centrais térmicas de carbón, as centrais eléctricas máis intensivas en emisións de CO2. No caso de Galicia, as emisións das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama representaron en 2005 o 32 % das totais. Na nosa terra, as emisións por habitante de gases causantes do cambio climático pasaron das 10,3 t de 1990 ás 14,6 de 2004, unha cifra moi superior á da UE-15 (11,2) e á do conxunto de España (10,8).

- 10:12 17/07/2006
Tags:

A permisividade cara ás térmicas de carbón restaría moita efectividade ambiental ao PNA. No propia proposta de PNA indícase que as térmicas de carbón emiten por termo medio 0,92 tCO2/MWh de electricidade xerada, fronte ás 0,34 tCO2/MWh das centrais térmicas de ciclo combinado a gas natural. A pesar disto, a proposta de PNA asigna case 3 veces máis dereitos ao carbón que a outras tecnoloxías menos emisoras.

En 2005, ano no que entrou en vigor o comercio europeo de emisións de CO2, as centrais españolas de ciclo combinado non esgotaron os seus dereitos de emisión, o que demostra que a xeración eléctrica con carbón está a ser pouco desincentivada polo comercio de emisións, malia o seu enorme impacto sobre o clima.

Verdegaia, que presentou comentarios perante o Ministerio de Medio Ambiente de cara á elaboración do PNA 2008-2012 , reclama, ao igual que principais organizacións ecoloxistas internacionais, que as asignacións ao sector eléctrico se fagan sobre a base das emisións promedio por electricidade producida e non por volume de CO2 xerado. Desta forma poderíanse reducir en maior medida as emisións galegas e españolas, sen recorrer de forma tan excesiva como prevé o Goberno central á compra de créditos de carbono, o que contraría o espírito de Protocolo de Quioto, ademais de aumentar os custos económicos para o conxunto da sociedade.

O PNA de Dereitos de Emisión 2008-2012 establecerá canto poden emitir gratuítamente as instalacións dos sectores industriais que participan no comercio de emisións (centrais térmicas, refinerías, cementeiras,...) entre 2008 e 2012. No Plano determínase o número total de dereitos a outorgar, así como a estrutura e as regras para o reparto de dereitos, que logo se cuantificarán instalación por instalación. O PNA é o principal instrumento para cumprir o Protocolo de Quioto. As emisións galegas reguladas polo Protocolo de Quioto aumentaron o 45,9% entre 1990 e 2005, tres veces máis do límite fixado para o conxunto do Estado español.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: