Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LITERATURA E CONCERTOS

O Conservatorio de música tradicional e folque de Lalín organiza unha xornada de encontro coa cultura galega

Presentacións de revistas e libros, jam sesion de folque, concertos, cea e diversas interpretacións farán parte do festival que organiza o Conservatorio de música tradicional de Lalín (CMTF) para o próximo sábado. Todas as actividades se celebrarán no casino de Lalín e veñen da iniciativa de membros do conservatorio, amantes e practicantes da música tradicional e da cultura galegas.

- 17:37 14/06/2006
Tags:

Pola mañá, os asistentes a esta xornada poderán gozar da presentación da revista Etnofolk por Javier Jurado e Ramom Pinheiro. Logo, darase tamén a coñecer o libro Orquestras populares das Mariñas, localizadas na zona de Betanzos.

No que se refire aos actos programados para a tarde, os organizadores do festival folque ofrecerán o concerto do Combo Folque, agrupación da que forman parte os vocalistas Begoña Fernández, Inés Portela e Xan Herrera. Ademais, un grupo de nenos e nenas da Escola Folque Infantil interpretarán algunhas das pezas coas que se adentran na música tradicional galega. Outro dos actos previstos é a interpretación do "Tango Estudio de Pintura" do profesor Pedro Pascual, acompañado por Benxamín Otero ao oboe, Dario Gonzalez ó vibráfono, Carlos Quintá ao acordeón diatónico e Cris Pretas ao violoncello.

Ademais, tocarán tamén os gaiteiros Xan Herrera e Pablo Pacior, o duo de violín e zanfona Pauline Maasik e Mauro Senín e tamén o farán os membros da aula de flautas do CMTF. Logo, quen decida seguir coa festa, pode cear no Restaurante " As vilas" de Lalín e retomar o encontro coa música a partir das 23.30 horas cunha jam sesion de folque no Casino.


0/5 (0 votos)