Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AXENDA DE LECER

Millo corvo, teatro e concertos para todos os gustos

Podemos achegarnos a Bueu a probar o pan de millo corvo, a Vigo para "reconquistalo", ou ver que fan en Pontevedra coas cabazas. Os cinéfilos teñen festa no Cineclube, cinema experimental e John Huston, e os melómanos, dende música clásica até punk, pasando polo hip hop de Nach ou a voz doce de Mariana Abrunheiro. Tampouco falta actividade para os amantes da escena: son os últimos días para gozar da Mostra de Teatro Amador en Vedra ou do Festival internacional de Teatro Universitario.

- 09:51 25/03/2006
Tags:

Teremos unha fin de semana movida en canto á música. Para todos os gustos: a sala compostelá Capitol acolle o venres a Pereza (xa non quedan entradas!), e o sábado ao hip hopeiro Nach. Na Iguana de Vigo temos o venres a Radiocrash, por 3 €, e o sábado a Sorkun, ambos os dous a partir das doce e media... E sen nos mover de Vigo, a Fábrica de Chocolate ten preparada unha noite de ska para o venres, con DJ Xandre, Kogito e La Vagabanda, e outra de rock con Cornelius para o sábado. No pub vigués Melé temos a Boy Elliot, a partir das dez e media, con Ratiño Knock Out e Edu Nadadora. E no club Vademécum, dupla sesión de dillei, co alemán Michael Meyer e Nacho Garrido... As portas ábrense ás doce menos cuarto e non se pechan mentres o corpo aguante. O domingo ás nove tamén poderemos gozar alí dun concerto dos noruegueses Ultralyd, que se atreven a mesturar instrumentos da tradición rockeira e jazzística (baixo, saxo, clarinete, guitarra eléctrica e batería).

Na Mardi Gras coruñesa teremos aos Ultracuerpos e outro grupo máis, tanto venres coma sábado, ás 22:30. E na Estrada, un concerto excepcional o venres: a banda grunge de Chicago Urge Overkill, autores da coñecida versión de Girl yo’ll be a woman soonque se marcaban Jonh Travolta e Uma Thurman en Pulp Fiction.

Das "Marías" ao punk, pasando por "Carmen":

A Orquestra de Corda do Conservatorio de Música de Ferrol dá un concerto, organizado pola Asociación Xábrega de Ares, o sábado ás oito na Igrexa Parroquial de San Xosé (cun repertorio que pasa nin máis nin menos que por Vivaldi, Haydn, A. Corelli, J. B. Lully, J. Sibelius e l. Janacek). E o mesmo venres 24 continúa o ciclo Trad, acordes de acordeón, no Teatro Principal de Pontevedra, organizado polo Conservatorio de Música Folque de Lalín, desta volta con Ruso Negro, un trío de ases (o baixista Jacobo Prieto, ex-Degüello, o acordeonista galego Ramón Orencio e o guitarrista italiano Simine Negrín) que son quen de mesturar swing, bossa nova, bolero, flamenco, tango, blues, salsa... meténdolle moito teatro e humor polo medio, ao estilo de Les Luthiers. A cita é ás 21:00. Ao día seguinte, tamén no Principal, o saxofonista Ramón Cardo pechará o ciclo de jazz.

Un pouquiño máis abaixo, na Guarda, outro espectáculo de humor e música, pero máis punk, para a noite do sábado: O Leo i Arremecághona!!! e Puta Miseria, músicos punkarras e afeccionados a se disfrazar, veñen dende Matamá (Vigo) coas súas guitarras e letras retranqueiras. Estarán no Escarabajo a partir das once.

E desviándonos un pouco cara ó Leste, no Bar Liceum de Porriño atoparemos de novo a Mariana Abrunheiro, que xa nos deleitou coas súas Marías na compostelá Casa das Crechas hai uns días. A cantante lusa pecha con este concerto a súa xira enmarcada no Mes Violeta. A través da súa voz escoitaremos as xoias de Vinícius de Moraes ou Zeca Afonso.

Tamén hai espazo para o pop, no Rock Club ourensán: alí estarán Annie Hall o sábado ás nove e media. Tamén en Ourense, pero cun estilo moi distinto, actuará Nova Galega de Danza o sábado. Será no Teatro Principal, o sábado ás sete. O día anterior poderemos ver a Xosé Carlos Caneiro presentando De bar en bar, os seus poemas musicados. Máis danza: a versión da Carmen de Merimée musicada por Bizet que Antonio Gades e Carlos Saura adaptaron ao flamenco estará o venres no Teatro Jofre da Coruña e o sábado no Jofre de Ferrol

Teatro amador e universitario:

Para os amantes da escena, en Compostela péchase o XVIII Festival Internacional de Teatro Universitario: o venres poderemos ver dúas obras brasileiras (Quase de Verdade, ás oito no Principal, e o monólogo Ahora e na hora de nossa morte, ás once na Yago); o sábado, o obradoiro de teatro do Campus de Lugo presenta Km 526 no Principal ás oito. Á mesma hora no mesmo sitio, a Universidade Técnica de Konstanz (Alemaña) pecha o festival o domingo, con dúas obras: Os bandidos e Hamlet machina.

Máis teatro: continúa a III Mostra de Teatro Amador en Vedra, cos composteláns Teatro Repámpano e a súa Petición de mar, o venres ás 21:15, a cómica O polbo morto de Atlántida Teatro de Matamá (Vigo) o sábado á mesma hora, e Melocotón en xarope, de Teatro de Cámara Ditea, o domingo ás 19:45. Outro ano máis, a Asociación Cultural Papaventos reúne na Casa da Terceira Idade o mellor das compañías afeccionadas galegas. E a asociación cultural Barbantia presenta o venres ás 20:30 horas, no Coliseo Noela de Noia, as obras Crónica dunha democracia e A revolta nacionalista, das que é autor o historiador Xerardo Agrafoxo, socio de Barbantia.

Nas salas compostelás coma a Nasa, teremos Os homes só contan até tres, a montaxe da Factoría baseada no texto de Antón Lopo, todos os días ás 22:00.

Diego Rivera na Coruña, vodú en Compostela:

Para quen teña ganas de ver un pouco de arte, a nova sé da Fundación Caixa Galicia na Coruña vén de abrir cos traballos de cabalete do mexicano Diego Rivera. Xa puidemos gozar da obra da súa compañeira, Frida Kahlo, nunha mostra que batiu récords de visitas na sé compostelá de Caixa Galicia. Novamente o museo Dolores Olmedo de México D. F. cede parte da súa colección: 43 pinturas que abranguen toda a súa traxectoria, dende o Madrid de 1907 até o Acapulco que o viu morrer en 1956. En Compostela atoparemos as fotografías coas que Luís López "Gabú" reflectiu a súa aprendizaxe dos ritos ancestrais haitianos: na Fundación Granell acábase de inaugurar Vodú. O camiño negro de Santiago.

O Che, Kaurismaki e os últimos días do Play-doc:

A Associaçom Alto Minho afonda na figura do Che Guevara coa proxección dun documental e Diarios de Motocicleta, de Walter Salles, no seu local da Rúa Catasol, en Lugo, o domingo ás oito.
Por outra banda, dentro dun ciclo dedicado ás dificultades para atopar vivenda, este venres proxéctase o documental de José Luis Guerín En construción, na Aula 1 da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, que está a celebrar os seus trinta anos de existencia con varios filmes sobre edificios... O filme será proxectado o venres ás 12. Tamén na Coruña, no CGAI, tanto venres como sábado teremos proxeccións de cinema austríaco, debuxos animados e John Huston, venres e sábado a partir das seis.
No Laboratorio de Movementos da Rúa do Medio compostelá terá lugar unha proxección do mellor do cineasta Robert Breer, pioneiro na animación. Será o venres ás nove menos cuarto.
E o Cineclube de Compostela celebra nin máis nin menos ca os seus primeiros cinco anos de existencia. Farano, como de costume, no local o Pichel, coa proxección dun filme de Kaurismaki, o ábado ás dez da noite, e a seguir, festa rachada!

Baixando até a Raia, o Festival Internacional de documentais Play-doc remata esta fin de semana en Tui: fitas iranís, rusas, portuguesas, belgas, mexicanas, francesas competen polo premio á mellor curta e á mellor longa documental, ademais da sección Atlántico, para filmes en lingua galega e portuguesa. Amenizan tamén o rapeiro Juaninacka e a banda All the pretty horses.

Festas saborosas en Bueu e Pontevedra, Reconquista en Vigo e acción en Compostela:

O sábado Pontevedra estará chea de cabazas, como é tradición dende hai un século... Xa pola mañá comeza unha feira na Praza de Curros Enríquez na que as saborosas concurbitáceas convivirán con obradoiros de decoración, cestería ou candeas, coa amenización dos Lerenses e o grupo da Golada Bico da Balouta. Tamén haberá degustacións de polbo, filloas de Valongo, caldo ou empanada de cabaza. As cabazas decoradas repartiranse polos establecementos da cidade para contribuir á ambientación dos locais comerciais e hosteleiros do centro histórico.

E se seguimos baixando polo Morrazo, o domingo poderemos asistir ao VIII Encontro-degustación do Millo Corvo, organizada pola Asociación Cultural Meiro. Tralo pregón da cantante Uxía, gozaremos das pandeiretas de Malvela pola mañán e de Quempallou pola tarde, mentres visitamos o muíño ou degustamos o seu produto, ese pan de millo e empanadas inconfundíbeis...

non podemos esquecer, nestas datas, a Reconquista de Vigo: esta fin de semana toca mergullarse no Casco Vello da cidade olívica coma se volvesemos ao século XIX, e á valerosa defensa da cidade perante as tropas naopleónicas. Vestidos de época, vivindo a animación nas rúas (títeres, cantadeiras, e danza tradicional), daremos unha volta polos tempos da loita contra o francés.

E por último, o Departamento de Educación e Mocidade da Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela ponlle fin ao programa Fest@ctiva con obradoiros de hip hop e rap, ademais dun concerto de Non Residentz e dos grupos que ensaian nos novos locais de San Lázaro.


0/5 (0 votos)