Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
A EMPRESA GALEGA "ADIANTA" PROMOVE UNHA TÉCNICA QUE AVANZA SOBRE O WI-FI

Wimax: a última menciña tecnolóxica contra a fenda dixital

Noutros lugares caracterizados pola dispersión xeográfica, administracións e empresas xa repararon nas vantaxes do Wimax para levar internet de banda larga a todos os recunchos. O estándar de transmisión sen fíos bautizado Wimax sería especialmente axeitado para unha xeografía coma a galega. Desde a empresa galega Adianta, que vén de publicar un completo informe sobre as características desta tecnoloxía, cóntannos das posibilidades.

- 13:45 02/03/2006
Tags:

"En calquera cidade galega, unha antena no centro urbán garantiría a cobertura nun espazo de até 20km arredor dela", así o explica para Vieiros o director de desenvolvemento de negocio da empresa galega de enxeñería Adianta. Iago Soto subliña as vantaxes básicas da opción do Wimax fronte a outras tecnoloxías: banda larga de ata 4 megas cunha calidade similar ao ADSL ou ao cabo, e cunha capacidade similar para a suba e a descarga de datos; e unhas cifras de investimento moi por baixo de calquera outra opción.

O estándar Wimax vén a perfeccionar as capacidades para a conexión sen fíos a unha operadora que deica agora ofrecía a crecentemente popularizada tecnoloxía wi-fi, multiplicando a distancia de conectividade e aumentando o propio largo de banda. Iago Soto explica que Adianta está en conversas con varios concellos galegos que avalían a posibilidade de darlle acceso a internet aos seus veciños deste xeito e destaca que o wimax reduce até a cuarta parte os custos de proporcionarlle acceso de alta velocidade a zonas que deica agora quedaban fora da cobertura das operadoras tradicionais. "O investimento é moi reducido", subliña ao respecto das oportunidades para os Concellos de contrataren largo de banda cun operador e ofrecerlle acceso á rede aos veciños a través dunha antena instalada no contorno do municipio.

Tecnoloxía idónea para Galiza
No ámbito estatal xa hai bos exemplos da aplicación desta tecnoloxía en zonas de Andalucía ou en Euscadi, ámbito onde o goberno foi especialmente áxil na detección das oportunidades do wimax e como explica Soto, "houbo unha aposta forte por isto". Ao fío, lembra que a propia operadora galega de cabo, R, foi pioneira no Estado na experimentación co segundo estándar wimax, a primeira vez no sur de Europa que se traballou con esta técnica, nunha iniciativa desenvolvida no concello coruñés de Fene. Recórdannos ademais, que o propio perfeccionamento da tecnoloxía agoira a curto prazo aínda maiores posibilidades: máis largo de banda e conectividade a maiores distancias.

Desde Adianta lembran que en Irlanda hai xa unha empresa forte que traballa na oferta de servizos vencellados co wimax, e insisten en que é un modelo de negocio no que fixarse desde Galiza, cunhas características xeográficas moi particulares e o maior número de núcleos de poboación no contorno do Estado, polo ademais das súas posibilidades nas áreas metropolitanas é tamén moi recomendábel a súa opción no ámbito do rural. Ao tempo, iago Soto destaca que o escenario estadounidense, que vai por diante na aplicación destas tecnoloxías, amosa que "nun breve prazo esta pode ser tamén unha alternativa no que respecta á telefonía móbil tradicional" contribuíndo ao impulso da telefonía de última xeneración, facilitando o acceso de novos operadores alén dos xigantes que na actualidade controlan o mercado.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: