Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Proposta para declarar os Penedos de Traba monumento natural

Os chamados Penedos de Traba, Pasarela, Piñeo, Corveiro... conforman a parte oriental da Serra da Pena Forcada que, desde Traba de Laxe, se estende ata o mesmísimo Vilán de Fóra, macizo illote pétreo que prolonga cara ó norte a punta do coñecido cabo e que semella un dragón ou un cabalo de xadrez afundíndose no mar a pé da espigada torre do faro.

- 10:12 01/03/2006
Tags:

Este cordal montañoso vai bordeando todo o abrupto litoral norte da Terra de Soneira polos concellos de Laxe, Vimianzo e Camariñas e constitúe unha sucesión de montes coroados por grandes moles graníticas que crean unha senlleira paisaxe de perfís dentados. Case todo o conxunto está formado por rochas graníticas de cor rosada de cumes pétreos de variadas formas, que destacan na paisaxe e chaman a atención do visitante. Algúns estudosos da Prehistoria galega teñen situado nalgúns deles as Aras Sestianas citadas polos cronistas romanos, altares para facer sacrificios en honra ó emperador Augusto.

O eminente xeólogo de Laxe, don Isidro Parga Pondal, bautizou este luminoso granito rosado como ‘tipo Traba ou Pindo’, moi semellante ó do Porriño. O francés Henri Nonn contribuíu a popularizar por Europa esta denominación.
Na costa norte da Bretaña, a nosa terra fisterránica irmá, hai un tramo de costa con este granito rosado que se bautizou como a Côte du Granit Rose (ou algo así), e os bretóns ben que a aproveitan como eles saben: para promocionala turisticamente respectando o medio. Pero aquí, na Terra de Soneira, na Costa da Morte, os alcaldes non entenden diso, de que unha sen par paisaxe natural se poida promocionar para atraer turismo ecolóxico cunha axeitada promoción de rutas de sendeirismo. Desde o ano 1997 parte dos Penedos están ameazados por unha canteira que conta co apoio incondicional dalgún rexedor municipal que soña con facer nesta paraxe unha explotación "coma as canteiras do Porriño, que dan centos de postos de traballo".

O escritor Manuel Rivas, soneirán e fisterrán de adopción, xunto con colectivos ecoloxistas da zona, conseguiu enfriar as intencións depredadoras daquela empresa graniteira, que, con todo e iso, aínda hoxe segue estando ó axexo agardando a ocasión propicia para volver á carga. Fora daquela cando Rivas escribira un fermoso texto para defender estas formacións naturais:

"A Costa da Morte non hai que inventala. Hai que protexela. No tempo dos parques temáticos, este é un parque máxico. A natureza fixo o traballo. Os deseños, as esculturas inimitables. Cada camiño convértese nun vieiro que revela segredos. Tras de Pasarela, entre Vimianzo e Traba de Laxe, está un dos centros de arte máis abraiantes de Galicia, comezando pola Pedra da Barca, un incrible penedo con forma e tamaño de navío. Alí están as rochas zoomórficas que cantou Pondal e enfeitozaron a Otero Pedrayo, quen tanto tiña visto. Penedos enormes con rostro humanoide. Con forma de animais. Con caprichos surreais. O Henry Moore ficaría sen fala e o Chillida seguramente se dedicaría a outra cousa".

En efecto. Estes son os Penedos de Pasarela que evocaba saudosamente Pondal e que tan ben debuxara a prosa xeográfica de Otero Pedrayo. Penedos que conforman un inusitado reino de poesía toponímica, evocadora de formas imaxinadas polo pobo nos perfís das rochas, da fauna frecuentadora dos picoutos, das lendas ancestrais, dos sons producidos polo ventos, etc.: a Pedra Grande da Barca, a Pedra da Cachucha (tamén chamada Pena da Man), a Galla da Pena Forcada, a Torre da Moa ou O Castelo, a Capela de Lucas, o Petón Gordo, a Pena Tellada, o Alto de Rascalobos, a Pena da Aiga, a Pena do Bolo, o Petón da Aguieira, a Pena dos Corvos, a Pena do Frade (ou da Morte), o Petón do Martiño, a Pena Orelluda, A Escachadiña, o Home do Corveiro ("o home máis legal do mundo", no dicir popular), a Pena dos Mouros, a Pena Cantadora –con grandes buratos polos que zoa o vento-, o Petón do Encanto, o Alto da Gurita –fermosa atalaia-, o Penal do Veo, etc., etc., etc.

O BNG acaba de presentar Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para declarar estes penedos Monumentos Naturais, para protexer dunha vez por todas esta senlleira reserva xeolóxica, paisaxística, histórica e literaria. Apoiamos esta proposta e agardamos que os outros dous partidos do Parlamento se sumen a ela, malia que sabemos que algún teimudo alcalde vai facer o imposible para que non prospere, obsesionado como está por favorecer esa empresa graniteira. É de esperar que o seu partido non se someta a intereses particulares.

Por incrible que pareza, aínda hoxe estamos a discutir se é preciso protexer ou non esta "cidade encantada" –como chamou un xornalista hai pouco- que para si ben quixeran noutros lugares. ¡Que se lle vai facer!: onde uns vemos beleza natural outros só albiscan cuadriculados bloques de granito.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: