Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O Morrazo

RSS de O Morrazo
O PRESIDENTE TOURIÑO INAUGURA EN BROULLÓN A NOVA VÍA

Aberto ao tráfico o Corredor do Morrazo

Sábado 3 de decembro, á tardiña. O presidente do goberno galego, acompañado por políticos do seu partido, PSOE, dos seus socios de goberno, BNG, e dos alcaldes dos concellos do Morrazo, un nacionalista, Moaña, e outros dous do Partido Popular, Bueu e Cangas, inauguraban a nova vía de acceso á península do Morrazo, o rechamante Corredor do Morrazo, despois de dez anos de longo proceso e arredor de 100 millóns de euros de custo final. Tralo paso dos políticos, que encheron a boca para falaren, todos eles, de "fito histórico" e de "día de ledicia", -canda menos o presidente Touriño lembrou o "alto custo social, medioambiental e político" da obra-, fica para os veciños unha obra que nace cunha sinalización que xa non existe no Código de Circulación, con algúns servizos e pagos de expropiacións inconclusos e cun trazado perigoso e sen separación de calzadas, -que agora comezan a reclamar dende o PSOE moañés-, co que probabelmente axiña se convirta nunha das vías máis perigosas da Galiza. Iso si, os que vaian de Cangas a Vigo aforrarán dez minutiños no traxecto.

- 17:13 09/12/2005
Tags:

Abraia, todo hai que dicilo, a magnitude e complexidade da obra realizada, con viadutos e túneles a eito, mais a pregunta segue a ser a que moitos nos formulabamos hai tempo: pagou a pena? Seica si para o presidente Touriño, así como para o alcalde nacionalista de Moaña, Xosé Millán, e os populares Sotelo e Estévez de Cangas e Bueu, quen defenderon a necesidade da obra e os beneficios que a bisbarra tirará dela.
É certo que haberá beneficios e está habendo, arestora, aforro de tempo nos desprazamentos á cidade de Vigo por estudos, problemas de saúde ou por traballo, que decote fan os veciños da bisbarra, se ben hai que dicir que unha porcentaxe alta, quizais un 25-30%, destes desprazados fan a viaxe no transporte marítimo, malia os atrancos que segue a haber, aquí non se albiscan melloras, no transporte público da bisbarra. Por riba, a demandada construción dun hospital comarcal así como axeitadas políticas de creación de emprego na zona, poderían minimizar moitísimo o número de desprazados, da orde de 4.000 ao día, á cidade olívica.
A primeira vista, os máis beneficiados polas obras do Corredor están a ser os veciños da vila de Moaña, así como de Meira, Domaio,..., que non teñen que aturar o tráfico incesante por diante das súas casas. Porque en Cangas, por moito que insistan dende o Concello e dende certos medios de comunicación escritos, os atascos seguen a estar á orde do día; e por riba, os veciños de Aldán, Beluso e O Hío están agora a sufrir o tránsito de vehículos que xa non atravesan as devanditas vilas moañesas. E está aínda por ver cal vai ser o futuro destas vilas, que xa non serán de paso obrigado para os que entren ou saian na península, e se o seu tecido económico, nomeadamente o comercio e maila hostelería, non sairá prexudicado, como ten acontecido en vilas coma A Cañiza ou A Veiga, na ribeira asturiana da ría de Ribadeo, que esmorecen tras ficar afastadas do tráfico pola construción de novas estradas.
O innegábel é que o novo Corredor mudou de vez a faciana da nosa bisbarra, dun xeito que non era o desexado por unha parte da poboación que arelaba chegar a vivir nun Morrazo que servise de exemplo para o país en canto ao desenvolvemento sostíbel, á valoración dos espazos naturais, ou ao uso racional dos medios de transporte; mais tamén é verdade que aínda estamos a tempo de saber tirar o mellor proveito ao Corredor, sabendo potenciar a nosa industria e turismo sen caer na tentación de convertirmos O Morrazo nun reflexo do destrutor sector turístico do Levante español, aproveitando as posibilidades da bisbarra e continuando na demanda dun redeseño da planificación do transporte de persoas e mercadorías no país, que permite humanizar o noso contorno, optimizar custos e minimizar a contaminación


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: