Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Parlamento obriga a Xunta a dar prazos e orzamentos para o Plan

O Parlamento aprobou por consenso o primeiro Plan de Normalización da historia. As principais novidades con respecto ao texto presentado pola Xunta son a esixencia de fixar un orzamento e un programa de avaliación.

- 16:17 23/09/2004
Tags:

Ao texto do Plan os grupos parlamentarios presentaron nove propostas de resolución, das que, con diversas matizaciones, foron aprobadas por unanimidade oito. Nelas recóllese que a Xunta debe desenvolver os regulamentos necesarios en cada sector coas correspondentes dotacións orzamentarias, que debe estabelecer procedementos de seguimento, avaliación e control do Plan, e que debe realizar unha programación anual e presentala no Parlamento.

Ademais, o Parlamento tamén instou a Xunta a que "procure promover" a presenza da lingua galega nas axudas e subvencións procedentes de fondos públicos galegos, a que adopte as medidas para que poderes públicos, institucións, empresas e organismos públicos empreguen os topónimos oficiais e para que os cargos públicos da Xunta e dos organismos e entes autonómicos, fagan uso público do galego, tanto oral como escrito.

Rexeitaron os parlamentarios, en troques, a proposta do BNG de "estudar a substitución da DXPL por un novo órgano de rango superior", cos votos en contra dos populares e coa abstención dos socialistas. Tamén se produciu unha corrección relativa á existencia do corpo de inspectores especializado.

Ao remate, o Plan a piques estivo de non ser aprobado. O presidente do Parlamento entendeu que o Plan non tiña por qué ser votado, pero as protestas do viceportavoz nacionalista, Alfredo Suárez Canal, modificaron a situación. Estaban presentes 55 (de 75); aprobárono 55.


0/5 (0 votos)