Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
TOPONIMIA

A Mesa reclama o cambio de nome das provincias marítimas

A Mesa pola Normalización Lingüística fixo público un informe sobre o emprego na toponimia de termos casteláns. Destaca a crítica á permanencia na denominación das provincias marítimas de termos en castelán e incluso preconstitucionais. Así mesmo, A Mesa solicítalle aos gobernos español e galego, así como ao PSOE, medidas concretas de promoción da toponimia.

- 19:01 25/05/2004
Tags:

No informe, A Mesa realiza unha avaliación da historia recente da toponimia galega e do seu uso. No relatorio constata A Mesa os principais problemas do tratamento toponímico e denuncia que a "administración (mesmo a autonómica) continúa a facer uso de topónimos deturpados", e sinala algúns casos concretos, como a Dirección Xeral de Tráfico ou o canal internacional de TVE, "ambos os dous con grandes repercusións na difusión dos nomes de lugar".

Sinala A Mesa peculiarmente a lexislación das provincias marítimas. Reguladas por un decreto de 1973, as provincias séguense denominando El Ferrol del Caudillo, La Coruña ou Villagarcía de Arosa, e integran distritos coma o de Vivero, Noya, Bayona, Tuy, Santa Eugenia de Ribeira ou El Grove. Tamén as estremas que fixan as demarcacións distritais e provinciais inclúen nomes en castelán, como Punta Fajilda, Punta Morcejos, Punta Domayo, Cabo Estay, Río Barjas, Isla de La Toja, Isla de Arosa, Isla Quiebra, Punta de La Vela...

A Mesa presenta nese mesmo informe tres demandas para modificar substancialmente a situación da toponimia. Por unha parte, pídelle ao goberno galego que lles envíe unha listaxe de topónimos oficiais a todas as administracións e grandes empresas. Por outra, ao executivo de Zapatero solicítalle o troco da denominación das provincias marítimas. Finalmente, ao PSOE pídelle que advirta os seus altos cargos de que se debe "manter unha postura de acatamento das leis" e de defensa da lingua.

Coinicide este relatorio coas queixas vertidas polos colectivos de promoción do galego no Bierzo: nas estremas de fala galega pertencentes a Asturias e Castela e León a toponimia oficial é a castelá, como Vegadeo e Barjas. É máis, a lei de agrupamento de concellos que bosquexa o goberno de Valladolid obriga a que as denominacións das novas entidades resultantes sexan unicamente en castelán.


0/5 (0 votos)