O Foro da Inmigración convocou para o 19 de decembro unha concentración en Compostela para solicitarlle ao goberno central a regularización das máis de dez mil persoas que están sen papeis en Galiza, segundo informa o propio foro. O colectivo considera que a Lei de Estranxeiría impide legalizar a situación de moitos traballadores. A protesta será no Tourla, ás 19 horas.
O Foro da Inmigración considera que "outra política de inmigración é posíbel", xa que na súa opinión, coa entrada da nova lei "acentúase o carácter policial e mesmo imposibilita o proceso de regularización dos milleiros de persoas que se achegaron á nosa terra co obxetivo común de traballar e mellorar as suas condicións vitais".
O Foro recoñece como clase traballadora galega a estas persoas, e cre que a non regularización responde a interes económicos e empresariais que botan por terra os convenios salariais. Ademais, acusa ao goberno de Aznar de estar a facer unha política de segregación, onde os direitos fundamentais de denúncia, manifestación, asociación, sindicalización, de asisténcia xurídica gratuíta para as persoas estranxeiras sen regulzarizar son anuladas.
"E mesmo amedrenta coa posibilidade de investigar nas oficinas de empadroamento, o que pode supor que os nenos fiquen sen escolarizar e que a poboación careza de asisténcia médica, pois este requisito é necesário para ambas xestións".