Os premios Irmandade do Libro, que concede anualmente a Federación de Libreiros de Galicia, recaeron nesta ocasión en Manuel Rivas, a revista Grial, a biblioteca da Fundación Penzol, o Colexio de Xuño e na libraría Viláfer (Cangas).
O sábado á noite entregáronse nun acto no Hostal dos Reis Católicos os premios Irmandade do Libro que concede anualmente a Federación de Libreiros. Na modalidade de autor, o escritor premiado foi Manuel Rivas, pola súa obra O lapis do carpinteiro, e os finalistas foron Fina Casalderrey e Xosé Neira Vilas.
Na modalidade de institucións, a gañadora foi a biblioteca da Fundación Fermín Penzol, que superou ao Museo do Pobo Galego e ao Patronato do Pedrón de Ouro. En canto a medios de comunicación, o galardoado foi a revista Grial, que edita Galaxia, e os finalistas foron Guía dos Libros Novos, unha recente publicación, a revista A Trabe de Ouro, da editorial Sotelo Blanco.
No que se refire a colexios, o gañador foi o Colexio de Xuño-Porto do Son, sobre o Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra e o de Curtis. Na modalidade de libreiros, quedou co premio a Libraría Viláfer, de Cangas, fronte á Bahía, de Foz, e Casalderrey, de Marín. O premio dos colexios é o único que ten dotación económica: 250.000 pesetas para o gañador e 50.000 para os finalistas, que han de investir estes cartos en libros.