O histórico barco vigués que se salvou por moi pouco da "reciclaxe" no seu día volve sufrir a ameaza de rematar convertido en ferralla.
Hai dous anos a voz de alarma saltara na cidade. O Bernardo Alfageme, derradeiro dos barcos de altura da súa clase que se conservaba, ía camiño do desguace. Todos lembraron a triste fin do Campaláns, outro histórico do porto vigués perdido nos anos 90 incomprensibelmente, e conseguiuse salvar da queima á embarcación.
Imaxinabamos que o barco tería unha xubilación de ouro no faraónico, non polo tamaño se non pola duración das obras, Museo do Mar de Alcabre.
Falouse do tema pero seica todo foron palabras. Agora o desinterese das administracións, segundo di a propia Concellería de Patrimonio Histórico, e a falla de espacio no porto volven poñer en perigo a supervivencia do Bernardo Alfageme.
Distintas asociacións, a Federación Galega pola Cultura Marítima, a Asociación de Mariñeiros de Bouzas ou o Grupo Mascato de Cambados entre outros, ergueron xa as súas voces contra da desfeita que se quere cometer.
Afirman abraiados que é inimaxinábel que no século XXI teñamos que loitar deste xeito para evitar perdas desta magnitude do noso patrimonio marítimo cando, noutros recantos de Europa, traballan por defendelo co apoio dos respectivos gobernos.
Coma sempre, hai quen defende o que é de seu e logo estamos outros que esquecemos e estragamos o noso pasado.