A Consellaría de Educación ultima un decreto en que se reflicta o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado no Parlamento de Galicia en 2004. Segundo puido saber Vieiros, as autoridades educativas queren darlle luz verde a esta iniciativa nas vindeiras semanas. O decreto estabelecerá que, cando menos, o 50% das materias de todo o ensino secundario se impartan na lingua do país. Na actualidade a obriga mínima é dun 33%. A Mesa ten anunciado un novo paro para xaneiro se non hai cambios substanciais nas políticas da Xunta.
As autoridades educativas non quixeron facer valoracións sobre o paro estudantil do mércores. Aínda así, segundo puido saber este xornal, o departamento que dirixe Laura Sánchez Piñón traballou arreo nos últimos días para sacar adiante un borrador que adaptase o sistema educativo ao Plan Xeral de Normalización Lingüística. Mentres, A Mesa recorda a situación critica que sofre o galego no ensino e pide medidas inmediatas e reais para invertir a desgaleguización da mocidade. O colectivo sinalou que, se non se evidenciaba un cambio nas políticas educativas, os estudantes volverían saír á rúa en xaneiro.
Aínda que a aprobación do decreto é un paso adiante na normalización do noso idioma, tan importante coma este é a súa aplicación real. De non haber unha vontade política clara e campañas de sensibilización pódese correr o risco de que a obriga quede só reflectida no papel. O decreto afectará tamén aos centro privados. De feito, A Mesa tenlle pedido á conselleira que lle retire toda axuda a aqueles colexios que non cumpran coas normativas vixentes.