Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A LONGAMETRAXE COLECTIVA DA "BURLA NEGRA"

Máis de 9.000 descargas do filme "Hai que botalos!"

Nin unha butaca na baleira na estrea de Hai que botalos. A proxección da longametraxe colectiva sobre a Galiza de Fraga na que participaron máis de 300 persoas encheu onte o Teatro Principal de Santiago. A partir de hoxe o filme, en formato DVD, comezará a rular. De momento, os organizadores xa recibiron case 9.000 solicitudes. Viaxará por Galiza, Cataluña, Euscadi, Suiza, Bos Aires,... calquera lugar onde haxa alguén disposto a copiar, exhibir e distribuír libremente este filme que, segundo os seus creadores, ten un "único e explícito obxectivo: botar do poder ao PPdeG".

- 15:38 23/05/2005
Tags:

A viaxe que faga o luns o DVD de Hai que botalos será tanto ou máis importante que a propia estrea. Ata o de agora a cifra de DVD's solicitados vaise aproximando ao milleiro, aínda en vésperas da estrea, e coa película viaxarán cartaces, pegatinas, camisetas e un manifesto co que Burla Negra e todo o equipo de Hai que botalos queren deixar claro o seu posicionamento político e social, "tomamos partido pero non somos partidistas", aseguran. Os puntos de distribución do filme non só serán concellos galegos, tamén haberá proxeccións en Euscadi, Cataluña, Bos Aires, Suiza, Granada, Londres, etc.

Unha das citas fundamentais da película será a proxección 'expansiva' nos Campus galegos o día 25 de maio coincidindo co último día lectivo na maior parte das facultades. Unha cita expansiva que se repetirá nunha escala maior o 4 de xuño, co comezo da campaña, e con proxeccións ao longo e ancho do territorio galego.

A través da web de Arredemo, unha rede sociocultural e de acción na que se inclúe Burla Negra, o colectivo do que partiu a película, accédese ao formulario que dirixirá dende o luns o camiño de Hai que botalos.

Con só clicar no banner Exhibe. Distribúe. Participa, que se atopa na portada de Arredemo o usuario vai directamente ao formulario que é necesario cubrir para que alguén do equipo de Hai que botalos poida contactar ou enviar directamente as copias solicitadas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)