Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REDE DE DISTRIBUCIÓN E EXHIBICIÓN

"Hai que botalos", 24 olladas sobre a Galiza de Fraga

Máis 300 voluntarios e voluntarias, entre escritores, guionistas, realizadores, actores, técnicos de son, etc. amparados baixo a Plataforma Burla Negra comezaron a traballar o pasado mes de novembro na creación dunha longametraxe que retratara, a través de múltiples olladas, as principais carencias do país, as "estafas" fundamentais dos 16 anos da Era Fraga e que, sobre todo, mobilizase o voto nas eleccións autonómicas. Así nacía Hai que botalos, que se estrea o domingo 22 no Teatro Principal compostelán.

- 17:42 19/05/2005
Tags:

O traballo desinteresado destes e destas profesionais, centrado na alternancia política en Galiza, é un dos puntos máis meritorios do proxecto, non subvencionado, para o cal se distribuiu unha cantidade de diñeiro simbólica por produción (menos de 100 euros). Unha produción alternativa e sen precedentes no noso país grazas a que está rodada en galego, feita en Galiza e con profesionais galegos e galegas.

A partir do 22 de maio comezará a "campaña electoral" para Hai que botalos: pins, camisolas, pegatinas, cartazes, etc... Todo o necesario para que o filme, logotipo e idea cheguen a calquera recuncho do territorio, galego ou non. Pero dende agora xa se poden reservar copias deste traballo que ademais promove o copiceibe.

A través da web de Arredemo, a Rede de Acción Sociocultural, calquera internauta interesado no tema pode acceder ao formulario de distribución da película. Desa "rede de distribución" forman parte arredor de 150 persoas e colectivos, ata o de agora, en disposición de organizar presentacións do filme e distribuír copias do traballo co obxectivo de 'botalos' o 19 de xuño.


5/5 (1 votos)