Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial
Galiza2009

Terra Galega: comicios clave

Na procura de manter a inercia da boa colleita das últimas municipais, a marca "Terra Galega" chega por vez primeira á loita polos asentos parlamentarios.

Ramón Vilar - 12:00 04/02/2009
Tags:

En 1985, unha Coalición Galega capitaneada por Pablo González Mariñas daba unha das maiores sorpresas da historia política recente. Unha forza heteroxénea, apadriñada polo empresario Euloxio Franqueira, lograba once escanos. O soño dun centro nacionalista durou pouco. Dous anos despois o proxecto esgallaba e Mariñas fundaba un novo proxecto: o Partido Nacionalista Galego. Logo do fracaso de Coalición Galega, houbo moitos intentos de repetir a experiencia. Un dos últimos é Terra Galega.

Cando en 2005 Xoán Gato (daquela alcalde de Narón) e Pablo Padín (ex conselleiro con CG) decidiron xuntar os restos de Coalición Galega, do Centro Democrático Independente e diversas agrupación independentes espalladas polo país, naceu Terra Galega.

Estes pouco máis de tres anos de vida non foron doados para TeGa. En 2008, o choque de egos e a evidente desestruturación do partido, levou a unha batalla entre Padín e Gato. Finalmente, o rexedor de Narón foi quen de quedar cos restos da casa común e postularse como candidato á Xunta de Galiza.

Que electorado busca Terra Galega?
Se o día 2 de marzo un só representante de TeGa ten un asento no Hórreo a festa estaría asegurada. Os propios dirixentes deste partido saben que é practicamente imposíbel lograr representación. Aínda así, todos os esforzos vanse centrar en Xoán Gato e na circunscrición da Coruña. Alí, en comarcas como Ferrolterra ou Bergantiños, é onde TeGa ten agrupacións locais máis arraigadas.

TeGa lanza unha mensaxe galeguista que lle manda chiscadelas ao electorado máis morno do BNG. Mais, convén non esquencelo, moitos dos seus cadros locais proceden das filas do PPdeG e nas últimas eleccións municipais ese foi o seu caladoiro. O principal problema de TeGa é a falta dun “corpus” ideolóxico que xunga ferreamente á súa escasa militancia. Están cómodos todos baixo a etiqueta “nacionalista”? Un militante de tradición galeguista encadrado agora en TeGa confesáballe hai meses a Vieiros en privado que era un milagre crear un partido nacionalista de centro sen ter unha base convencida destes postulados.

Terra Galega gasta practicamente todos os seus cartuchos nestes comicios. O propio candidato recoñecía nunha entrevista en Vieiros que o 1 de marzo xoga o seu último partido. Para xogar a prórroga precisaría máis de 30 mil votos pola Coruña. Porén, a priori, a barreira que o separa da rúa do Hórreo parece insalvábel.


3,88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:


Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.